Mari Teijeiro denuncia que “novos casos de cheques sen fondos para emerxencia social, demoras históricas nas subvencións en materia de vivenda, convocatorias de axudas de libros aínda sen resolver e subvencións a entidades sociais sen pagar dende 2015 son a carta de presentación do novo goberno local”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Mari Teijeiro asegura que “a xestión política actual dos servizos sociais atópase en peor estado ca nunca”, afirmación que baseou en cinco constatacións relacionadas coa emerxencia social, as de vivenda, as de material escolar, as subvencións a entidades sociais e a situación económica do Concello.
Primeiramente, a edil popular denuncia novos casos, “e xa perdemos a conta”, de entrega de cheques sen fondos para axudas de emerxencia social. “Repítense situacións nas que usuarios acoden aos servizos sociais en busca de apoio económico para asumir gastos urxentes e básicos, como débedas en alugueiro ou na factura da luz con ameazas de corte de subministro, aos que non poden facer fronte e a resposta que lles dá o Concello de Lugo é ou que non hai fondos e que teñen que volver outro día ou, no mellor dos casos, o que reciben é un cheque que non ten ningún respaldo e que, de feito, non poden cobrar”, explica Teijeiro. Esta edil sinala como exemplo o dunha familia á que o 11 de outubro se lle entregou un talón para afrontar este tipo de gastos, pero que non puido recibir o diñeiro ata dúas semanas despois, o día 26 pola tarde, e logo de ter que acudir en reiteradas ocasións ao banco e de reclamar varias veces que a entidade financeira lle entregase por escrito o motivo polo que non se lle podía facer efectivo o ingreso.
En segundo lugar, tamén se producen “máis retrasos ca nunca” no pago das axudas ao aluguer. “Se con López Orozco se cobraban xa con certo retraso, a día 15 do mes en curso, coa nova alcaldesa non se ingresan ata finais do mes seguinte”, explica a edil popular, quen subliña que “todo isto tendo en conta que para iniciar a percepción desta axuda as familias teñen que agardar varios meses”, de xeito que as persoas beneficiarias “teñen concedidas as subvencións pero non se materializan”. “Na práctica isto implica que haxa persoas en difícil situación económica que se ven obrigadas a endebedarse malia a contar con todo o dereito para dispoñer desta colaboración”, puntualiza.
Ademais, Mari Teijeiro critica que “cando imos xa cara ao remate do primeiro trimestre do curso académico, a bolsa de axudas para libros e material escolar segue sen resolverse por mor do retraso histórico na convocatoria destas subvencións”, o que significa que “houbo familias que se viron obrigadas a mandar aos seus fillos sen material ou realizar un esforzo privativo doutras necesidades básicas para o pago deste material e que, a día de hoxe, continúan sen saber se poderán dispoñer desta axuda”.
“Non é moito mellor a situación que viven numerosas asociacións e entidades sociais do Concello, que a piques de rematar o 2016 seguen sen cobrar as axudas nominativas que o goberno local lles concedeu nin na convocatoria de 2015 nin na do presente ano”, expón a edil popular, quen advirte de que “non é un tema menor cando estamos a falar de que moitos destes colectivos dependen deste financiamento para poder preservar a realización dos seus proxectos sociais, vitais para moitas persoas”.
Deterioro nunha situación de bonanza económica.-
Por outra banda, a concelleira popular argumenta que “o peor de todo é que a situación dos servizos sociais non se agravou por razóns económicas do Concello senón pola falta de xestión dun goberno que se desentende de reorganizar os servizos sociais para que teñan un funcionamento óptimo”. “Non nos queda outra que lamentar o serio deterioro” que sufriu o departamento de servizos sociais “coa chegada da nova alcaldesa, quen relegou das súas prioridades políticas a atención ás persoas”, conclúe.