Ramón Carballo recorda que son “necesarias” melloras inmediatas nas comunicacións de Lugo, xa que “somos a cidade máis illada de Galicia” polo que “agardamos que este anuncio sexa o impulso definitivo para que a alta velocidade chegue a Lugo e se restitúan as frecuencias de trens suprimidas pola pandemia e que non se recuperaron”
O Consello de Ministros deu onte luz verde a Adif para licitar a construción da intermodal de Lugo, unha noticia “positiva” por ser unha infraestrutura “moi necesaria” para a cidade, pero que ten que vir da man “da chegada de máis trens, xa que non hai frecuencias”.
Ramón Carballo insiste en que son “necesarias” melloras inmediatas nas infraestruturas e comunicacións de Lugo, xa que “seguimos a ser a cidade máis illada de Galicia” polo que “agardamos que este anuncio sexa o impulso definitivo para que a alta velocidade chegue a Lugo e se restitúan as frecuencias de trens suprimidas pola pandemia e que non se recuperaron”.
O voceiro popular recorda que en 2018 o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, anunciara unha partida de 1.600 millóns de euros para a renovación da liña entre Ourense e Lugo “que garantía que en 2021 a alta velocidade sería unha realidade en Lugo”, proxecto que “foi ao caixón coa chegada de Pedro Sánchez ao Goberno central, demostrando que Lugo e os lucenses pouco lle importamos”.
Estación de autobuses
O voceiro popular recorda que “para nós isto non significa o peche da estación de autobuses” xa que o PP manifestou en varias ocasións o seu compromiso de facilitar o acceso ao centro aos viaxeiros que cheguen á intermodal.