O Partido Popular ve “surrealista” que a alcaldesa ordene instalar o mobiliario dunha área recreativa vinculada á praia fluvial para xustificar a súa incompetencia á hora de xestionar esta zona de baño pública no Miño. Dende o Grupo Municipal vén nesta operación un “intento á desesperada de Lara Méndez para xustificar a súa incapacidade de xestión”. “Instalo mobiliario para enganar á cidadanía e que pense que non hai praia fluvial por culpa doutras administracións” engadindo que a consecuencia desta manobra é que “as cousas de Lara cústanos disgustos e cartos aos lucenses xa que, si finalmente a zona de baño público non se habilita neste punto, quen pagará a desmontaxe e a nova montaxe do mobiliario?”.
Os populares apuntan que “igual a alcaldesa nos sorprende, antes de que acabe o verán, cunha nova modalidade de inauguracións a futuro, e ainda que non haxa praia busque sair na foto antes de que finalice a tempada estival para que pareza que fixo algo e inaugurar a toda costa o que sexa”.
Dende o grupo popular lamentan “o bucle de improvisacións e decisións sen sentido que adopta o bigoberno de Lugo” lamentando que “nos case 24 anos que levan no goberno PSOE e BNG non foron capaces de dar un impulso ao Paseo do Miño”.
Como exemplo da súa mala xestión os populares citan a súa incapacidade á hora de conquerir a unión dos parques do Río Rato e do Río Miño. A adquisición de algo máis de 39.000 m2 na unión de ambos parques, na conexión da N-VI ca Avda. de Madrid, permitiría a consolidación dun gran parque periurbano que atenda as necesidades recreativas e de ocio da poboación lucense, formando un anel verde que dará continuidade ós sendeiros, instalacións deportivas e de ocio ó aire libre.
Os populares cren que “o discurso de sostibilidade do que presumen é de cara á galería” lembrando como, precisamente, neste entorno do Parque do Miño PSOE e BNG deixaron que se estragasen, por falta de mantemento e vixilancia, un proxecto divulgativo que identificaba as especies arbóreas e informaba sobre o ecosistema desta zona verde”.