EconomíaInfraestruturasTransparenciaUrbanismo

O PP ve “tres anos perdidos” no goberno de Méndez e Arroxo nos que non fixeron que Lugo avanzase

By 15 Xuño, 2022Sin comentarios

Ramón Carballo fai un repaso do que foron os tres anos de mandato de Lara Méndez e Rubén Arroxo, tres anos “perdidos” nos que non foron capaces de desbloquear infraestruturas imprescindibles para que Lugo avance e nos que so actuaron por “arroutadas” sen escoitar a opinión dos lucenses, como ocorreu co carril bici

Xusto cando se cumpren tres anos da formación do goberno máis caro da historia de Lugo, pouco cambiou na cidade, xa que nin Lara Méndez nin Rubén Arroxo foron capaces de dar resposta ás necesidades que ten o municipio para evolucionar e medrar.

Nestes tres anos, nin Lara Méndez nin Rubén Arroxo foron capaces de desbloquear nin axilizar proxectos fundamentais para a cidade, xa que a folla de ruta que seguen é a de dous gobernos distintos, o que provoca que se poñan paos nas rodas entre si constantemente.

“Unha dubidosa forma de traballar” que se reflicte perfectamente nas decisións improvisadas que toman “buscando ter unha foto máis que o seu compañeiro de goberno”. Como exemplos temos o carril bici que ninguén usa e que custou 1.5M€ de fondos europeos ou as Caldas do Miño, outro proxecto feito a golpe de titular de talonario europeo (1M€), e que non se entende moi ben na cidade, xa que “non deixan de ser unhas bañeiras con auga quente do quentador”, ou o millón de euros da pasarela N-VI, xusto ao carón de dous pasos soterrados.

Explica Ramón Carballo que “estas arroutadas hipotecarán aos vindeiros goberno municipais” xa que non algúns destes proxectos non teñen estudos de custes, polo que non saben o custe de poñelos en marcha nin de telos en funcionamento.

Unhas hipotecas que se engaden ás indemnizacións millonarias da Fábrica da Luz e do Garañón “que lastrarán Lugo durante moitos anos”.

Avaliando os orzamentos municipais pode verse como entre 2019 e 2021, tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo tiveron un orzamento de 96.3M€ unicamente para investimentos (21M€ en 2019, 33M€ en 2020 e 42.3M€ en 2021) pero a realidade amosa como so investiron 25.3M€ (3.3M€ en 2019, 6.5M€ en 2020 e 15.5M€ en 2021). Datos que evidencian que “PSOE e BNG teñen un déficit preocupante de escoita aos lucenses”, unha actitude ante a que o Partido Popular tende a man ao goberno de Lara Méndez e Arroxo para que Lugo avance.

Unha actitude conciliadora dos populares que choca coa confrontación constante do goberno de Lara Méndez contra a Xunta de Galicia, unha estratexia “a todas luces equivocada” e que se cae por si mesma atendendo aos datos.

O primeiro exemplo que expón Ramón Carballo é o auditorio de Magoi. A incapacidade de Lara Méndez para recibir o auditorio provocou que tardase catro anos en recoller as chaves e, cando as recolleu, deu o seu visto e prace ao edificio. “Agora vemos, como seis anos despois de rematar a obra e dous anos despois de recibir o edificio asinando ela mesma que estaba en boas condicións non o abre xa que pola súa neglixencia permitiu que se deteriorase”, afirmou.

No punto oposto o voceiro popular detalla os investimentos realizados nestes últimos anos polo goberno galego, ademais das partidas xa reservadas para proxectos prioritarios para o municipio.

Neste mandato, o executivo que agora dirixe Alfonso Rueda xa investiu ou reservou un total de 651M€ para diversas actuacións no municipio, mentres que Lara Méndez so pode falar de que neste mandato investiu en obras ou infraestruturas na cidade 9.8M€, dos 54M€ que tiña previsto investir na cidade entre 2019 e 2020.

Entre os investimentos máis destacados da Xunta de Galicia en Lugo están o polo aeronáutico de Rozas, un macroproxecto en execución que, xunto co Centro de Emprendemento no parque industrial de Rozas, suma un investimento de 546M€, que a pesar de non asentarse no Concello de Lugo afecta directamente á economía da cidade.

Pero hai outros investimentos que, se ben non suman unha cantidade orzamentaria tan importante, si que supoñen un pulo importante para o desenvolvemento da cidade e dos barrios, como o novo Centro Integral de Saúde no barrio da Residencia, cuxas obras se prevén rematar este mesmo ano, cun presuposto de 34M€ ou a nova residencia de maiores, cun investimento de 12M€.

O goberno galego tamén investiu ou ten reservadas importantes partidas para infraestruturas fundamentais para a cidade e que beneficiarán tamén ao resto da provincia, como a ampliación do parque empresarial das Gándaras (3.1M€); a redacción da actualización do proxecto da rolda leste de Lugo, cuxo remate está previsto para o verán do 2023, (22.9M€); a estación intermodal (6.2M€); ou o plan Paradai (10M€).

O goberno de Alfonso Rueda tamén ten previsto investir 9M€ nun plan de mobilidade sostible, con cargo a fondos Next Generation; ou 7.8M€ en 57 vivendas de protección pública no barrio do Castiñeiro.

Dentro destes investimentos tamén se contemplan os 9M€ anunciados hai uns días para diferentes obras en centros educativos da cidade, dentro do Plan de Arquitectura Pedagóxica.

O voceiro popular tamén pon sobre a mesa a pouca achega do goberno de Pedro Sánchez en Lugo. “Vemos como a alcaldesa sempre se esquece de reclamar ao seu goberno amigo”, sinalou, en clara alusión, entre outros eidos, ao nulo mantemento da Ponte Branca sobre o Miño ou ao excesivo atraso na construción da tan demandada rotonda na N-VI con Alfonso X.

Pero o gran debe do Goberno Central con Lugo é a chegada do AVE. “Vemos como seguen a pasar os anos e a alta velocidade non chega a Lugo. Semella que para Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, xa foi un éxito ter alta velocidade en Ourense, polo que xa decidiu non reclamar máis esta demanda para a nosa cidade e os nosos veciños”, lamentou, sen esquecer que o último ministro de Fomento do PP, Íñigo de la Serna, si que comprometera en 2017 prazos e partidas orzamentarias para que a alta velocidade fora unha realidade en 2021.

Ramón Carballo agarda que todos estes datos fagan reflexionar a Lara Méndez “para que deixe de ver á Xunta de Galicia como un inimigo e se poña a traballar e dialogar co goberno galego para avanzar en proxectos imprescindibles para o avance de Lugo”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies