Jaime Castiñeira asegura que “se os socialistas non acceden a reducir algúns tributos, como pide o PP, é por puro capricho porque nin sequera fixeron ningunha análise mínima do impacto económico que terían para as arcas municipais”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, cualificou de “capricho” que o goberno local non acceda a rebaixar os impostos municipais, como solicitaron reiteradamente os populares.
Tal como expuxo Castiñeira, “estamos falando dunha cuestión exclusivamente de vontade política e as intencións da alcaldesa a este respecto vense claramente cando decidiu non encargar os preceptivos informes económicos que avaliasen o impacto que terían sobre as arcas locais as propostas fiscais do PP”. Nese senso, o popular salientou que “as bonificacións que nós formulamos terían unha repercusión económica ridícula para o Concello pero crucial para emprendedores e familias”.
Deste xeito, Castiñeira incidiu en que “non é de recibo que a única resposta que dá o goberno municipal ás nosas propostas sexa que non proceden máis bonificacións por canto reducirían os ingresos do Concello”.
Ademais, o voceiro popular asegurou que “o capricho é dobre, xa non só porque nin sequera se analiza a repercusión económica que terían as medidas que propoñemos senón tamén porque o mesmo goberno municipal que presume de superávit é o que lles nega estas bonificacións e rebaixas aos seus veciños”, algo que tildou de “pura contradición da alcaldesa, xa que se ao Concello de Lugo lle sobra o diñeiro, onde mellor está é nos petos dos lucenses, máis aínda cando continuamente quedan proxectos sen realizar”.
Así mesmo, o voceiro popular tamén se pronunciou respecto das verbas da alcaldesa, “que di que leva dende o día seguinte á súa toma de posesión coas ordenanzas”. “Medo me dá se este é o resultado despois de seis meses de traballo”, ironizou Castiñeira, ao tempo que subliñou que “efectivamente, o que si fixo foi pedir de tapadillo e en pleno mes de xullo a suba de valores catastrais”. “Velaí o seu gran traballo”, aseverou, ao tempo que cualificou este xesto, “que suporá a suba indiscriminada e lineal do IBI a todos os lucenses” de “gran logro da alcaldesa”.
Por último, Castiñeira lembrou que as propostas do GMPP inclúen unha rebaixa dun 10% no IBI e da mesma porcentaxe para os vehículos de menor cilindrada, así como bonificacións de ata o 95% para emprendedores que inicien a súa primeira actividade ou a extensión das bonificacións que existen para As Gándaras ao resto da cidade. Ademais, tamén solicitan a renovación do rueiro para “evitar situacións totalmente inxustas e arbitrarias” como as que se producen neste momento debido a que esa relación “está desfasada e é claramente obsoleta”.