Persoal

O PP ve “un cargo político por capricho de Lugonovo” a Dirección Xeral de Persoal

By 29 Setembro, 2016Sin comentarios

 O voceiro popular Jaime Castiñeira subliña que “a resolución dos recursos presentados a respecto da creación deste posto ratifica a nosa postura contraria a el” e destaca que “o peor é que a nova proposta persevera no erro de suplantar funcións”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular afirmou esta mañá na súa intervención plenaria relativa á Dirección Xeral de Persoal que se trata dun “cargo político” creado “polo capricho de Lugonovo”.

Durante o debate respecto á resolución dos recursos formulados por un sindicato e pola propia xefa de servizo de Persoal “que veñen ratificar o acerto da nosa postura contraria a este cargo”, o popular advertiu de que “a nova proposta do goberno, lonxe de resolver os problemas que creara unilateralmente a súa decisión, o único que fai é seguir invadindo competencias doutros servizos”. Nesa liña, Castiñeira criticou que se pretenda continuar reservando para esta nova figura da Dirección Xeral a facultade de iniciar os expedientes de contratación do persoal laboral, función que, en opinión do popular, debe recaer no responsable de cada servizo “a partir do coñecemento das necesidades que cada departamento municipal ten e que ninguén mellor ca el sabe”. “Debera ser así e non ao revés, porque tal como se plantea agora parece que será a Dirección Xeral quen tome a iniciativa, algo que non se entende agás que o obxectivo sexa seguir xerando postos políticos”, incidiu.

Por outra banda, Castiñeira denunciou tamén que o goberno quere coa súa nova proposta “suplantar aos servizos de Persoal e Intervención municipal” ao asignarlle ao novo cargo municipal o control en materia de coordinación, elaboración, xestión e mantemento das nóminas. “Falamos de cuestións fundamentais que, en ningún caso, deberan estar en mans de postos políticos deste tipo”, asegurou.

Noutra orde de cousas, o voceiro popular censurou que no novo deseño os socialistas contemplan atribuírlle a esta praza a proposta inicial de gratificacións e produtividades, algo que “parece claro que terá que corresponderlle aos respectivos xefes de servizo, que son os que día a día traballan cos empregados públicos do seu departamento e, polo tanto, son quen mellor están en condicións de facer este tipo de propostas, se precisan horas extraordinarias polo volume de traballo…”.

Paralelamente, considerou “incomprensible” que o goberno local lle queira asignar á Dirección Xeral de Persoal a facultade de iniciar os expedientes de resolución de permutas. “A lóxica di que os primeiros que deberan dar os pasos son os funcionarios interesados, e non ao revés”, apuntou o popular.

Diante desta situación, Jaime Castiñeira resumiu que “a impresión que nos queda é que o goberno local buscaba unha de dúas: ou ben exercer un control político con este intermediario para influír sobre os empregados públicos ou ben este posto se creou sen ningunha función nin xustificación razonable, máis alá de darlle cumprimento á excusa á que se acolleu Lugonovo para salvarlle ao PSOE os orzamentos de 2016”. “O malo non é só o cara que nos sae a inestabilidade e a debilidade do goberno”, dixo en referencia ao custe para as arcas municipais desta figura de en torno a 70.000 euros, “senón tamén a inseguridade xurídica á que nos aboca”, asegurou Castiñeira, dado que “se algún outro departamento formula un recurso probablemente nos volvamos atopar nunha situación idéntica”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies