Antonio Ameijide critica que a Deputación Provincial, “co beneplácito do Concello de Lugo”, limite a súa intervención en Fermín Rivera ao simple reasfaltado “en vez de dotar esta rúa, como estaba previsto, de máis servizos e estacionamento”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, afirma que a obra de Fermín Rivera que está previsto que se inicie esta semana “non é máis que un parche raquítico”.
Nese senso, o popular lamenta que “o obxectivo da actuación non é o de mellorar, como se anunciara hai anos e como debera ser, as condicións da rúa cunha intervención integral, senón que a única finalidade semella ser a de mover uns cantos votos na semana anterior ás eleccións autonómicas”. Deste xeito, Antonio Ameijide censura que “esta é unha decisión claramente electoralista e oportunista, exactamente igual que o foi a posta en marcha do Plan de Emprego hai uns días”. “Cando os veciños e os usarios do Club Fluvial levan anos e anos agardando por unha actuación completa e a semana anterior ás eleccións se decide facer un remendo parcial, as sospeitas de electoralismo vólvense realidades”, apunta.
Así mesmo, o vicevoceiro popular critica que o Concello de Lugo “dea o seu consentimento e o seu beneplácito” á alternativa que improvisou a Deputación Provincial, ao cinguirse esta intervención a un simple reasfaltado “en lugar de dotar Fermín Rivera da mellora en servizos coma o abastecemento ou o saneamento, que tantos problemas están a xerar actualmente, en lugar de ampliar das zonas de estacionamento e de mellorar a iluminación, como estaba previsto”. A este respecto, Ameijide considera que “a alcaldesa é dobremente responsable: primeiro, por non ter executado esta obra durante os seus oito anos como vicepresidenta á fronte da Deputación Provincial; e, segundo, por permitir agora que se descafeíne de tal maneira a intervención”. “É dicir, é unha obra que non dá resposta nin solución ás vellas demandas do entorno, de xeito que o único que fai é demorar a solución definitiva e encarecela ao esixir un custe económico dobre”, incide o popular.
Por outra banda, Antonio Ameijide pide aos socialistas que “abandonen dunha vez a súa teima de prohibir o aparcamento en Fermín Rivera”, dado que “ningún dos dous estudos técnicos inclúe unha supresión deste tipo”, xa que en 2013 un deles avogaba pola bidireccionalidade e outro apostaba pola unidireccionalidade. “Todos lembramos ben que o anterior goberno local se empeñara nesta decisión, pero o certo é que o PXOM contempla para esta rúa unha anchura de 11 metros”, circunstancia que permite a existencia de dous carrís de circulación, beirarrúas e prazas de estacionamento. “O único que se pide é que se cumpra o que prevé a normativa urbanística, sempre sen afectar ás vivendas que xa existen”, insiste o vicevoceiro popular.
Por último, Ameijide subliña que “é unha mágoa que unha alcaldesa e un goberno municipal que viven permanentemente instalados no vitimismo e a confrontación coas administracións gobernadas por outros partidos políticos non atopen tempo para esixirlle a unha entidade amiga, como é a Deputación Provincial, que coñecen ben e que está a escasos metros do Concello”.