Transparencia

O PP ve “unha fraude” a administración electrónica do Concello de Lugo

By 11 Setembro, 2016Sin comentarios

 A concelleira popular Ana López Pombo afirma que “a imposibilidade de realizar integramente nin un só trámite a través da web municipal, incluso con certificado dixital, é unha irresponsabilidade, ademais dun engano a todos os veciños”

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Ana López Pombo ve “unha auténtica fraude” a administración electrónica no Concello de Lugo.

Tal como explica a edil popular, neste momento é imposible completar “nin un só trámite” a través da web municipal, posto que, tanto sen certificado dixital como con el, en todos os casos a páxina remata sistematicamente nunha mensaxe de erro que impide realizar calquera procedemento. “Polo tanto, o único que existe actualmente é un repositorio de formularios que hai que entregar despois en papel e de xeito físico no Concello, algo que evidentemente está moi lonxe do que é unha administración electrónica real”, subliña López Pombo, ao tempo que incide en que “con independencia de que paulatinamente se vaian incrementando o número de trámites que se ofrecen, o mínimo que se pode pedir é que presente unha imaxe actualizada, excluíndo aqueles que actualmente non teñen sentido, como pode ser a solicitude da tarxeta de residente ORA”. “Esa é unha das mellores imaxes da despreocupación dos socialistas nesta materia”, asevera.

Así mesmo, a popular afonda en que “na práctica, isto supón que a inoperancia, o pasotismo e o desinterese dos socialistas están abocando aos lugueses a que un procedemento que poderían resolver en poucos minutos dende un único lugar lles leve moito máis tempo e, nalgún caso, incluso lles requira varios desprazamentos físicos”. “Mentres outras cidades do entorno e outras administracións están a dar pasos para simplificar as relacións cos administrados, en Lugo continúan a ser practicamente como hai dez anos, sen incorporar nin un só dos avances que permiten os medios electrónicos”, salienta López Pombo.

Nese senso, a concelleira popular destaca que “non só estamos a falar dunha verdadeira irresponsabilidade do goberno municipal, senón que tamén se trata dun engano a todos os veciños, xa que aínda que as iconas indican a posibilidade de realizar o trámite online, a realidade desminte isto por completo”. “Non podemos perder de vista que unha administración baseada no funcionamento electrónico, ademais de cumprir mellor cos principios de eficacia e eficiencia ao aforrar tempo e custes a cidadáns e empresas, tamén se reforzan as garantías e a transparencia ao permitir información puntual, áxil e actualizada aos interesados”, puntualiza.

Por último, a popular incide en que, “despois de investimentos millonarios, incluíndo a contratación dun director xeral de novas tecnoloxías”, o Concello de Lugo segue a incumprir, dez anos despois, a Lei 11/2007 de 22 de xuño que contempla o dereito dos cidadáns a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, así como a obriga destas de dotarse dos medios e sistemas necesarios para que este dereito se poida exercer. “E, ás portas de que entre en vigor en quince días (o 2 de outubro) a Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, Lugo segue moi lonxe dos estándares e parámetros que cabe agardar”, conclúe.

 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies