Ameijide asegura que “como xa advertimos en xullo, a alcaldesa será incapaz de cumprir co seu compromiso de que a ORA estea resolta en oito meses”, xa que “só lle quedan dous meses e non ten visos de ser quen desencallar o asunto”
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Antonio Ameijide cualifica de “vergoñenta” a falta de avances no novo modelo de regulación de estacionamento en superficie.
Nesa liña, Ameijide asegura que “a alcaldesa vai camiño de incumprir o que probablemente fora o seu compromiso estrela, que era o de ter resolto este embrollo, creado por ela mesma, nun prazo máximo de oito meses”, que remata o vindeiro 30 de marzo. “Pois estamos a dous meses de que venza ese prazo e, como xa dixemos dende o primeiro día, é imposible que sexa quen de respectalo”, afirma, xa que “coas súas formas e coa súa teima de manter o contrato en mans de Vendex dificulta a saída a poder desencallar o asunto”. “Foi unha decisión populista da que non mediu as consecuencias e parece que non aprendeu porque a finais de xaneiro segue a cometer os mesmos erros de principiante do verán pasado”, salienta o edil popular.
Deste xeito o popular critica que dende o 4 de xaneiro non se volvese reunir a comisión municipal integrada por representantes dos distintos grupos políticos para estudar o modelo de funcionamento do novo sistema de regulación do aparcadoiro en superficie. “Somos conscientes de que a proposta do PSOE era a mesma que defendía López Orozco, de seguir permitíndolle a esta empresa seguir facturando co contrato anulado pola xustiza dende hai catro anos e medio, pero as circunstancias políticas mudaron e cando hai un acordo unánime de todos os partidos da oposición o goberno municipal debera ser respectuoso coas propias regras do xogo democrático”, salienta Ameijide, ao tempo que urxe aos socialistas a “deixar de mirar cara a outro lado” e a convocar con carácter urxente outra xuntanza “para desbloquear todo”.
Caos de tráfico.-
Antonio Ameijide apunta que a supresión “repentina, sen alternativas e sen unha mínima reflexión” do sistema ORA “é outra das causas do caos circulatorio que vive Lugo”, xa que “a ninguén se lle escapa que a falta de espazos de aparcamento, motivados pola falta de rotación de vehículos, provoca que máis automóbiles ocupen posicións incorrectas que dificultan a visibilidade”, o que á súa vez repercute no incremento de atropelos por mor destas circunstancias. “Se en Lugo xa tiñamos un índice elevado de sinistros, a actuación e a falta de actuación da alcaldesa noutros casos o que fan é agravalo aínda máis”, expón o popular, quen critica que “os centros educativos tamén son vítimas desta improvisación porque non teñen os controladores de apoio”.
Débedas.-
Por último, o popular insiste de novo en criticar que “o goberno local continúe facendo a vista gorda coa filial de Vendex”, que segue debendo ás arcas municipais uns 700.000 euros, entre as mensualidades que faltan por abonar e o material que debera ser de propiedade municipal (como furgonetas, segway, emisoras, PDAs…) e que a día de hoxe “seguimos sen saber onde está”. “O contrato segue sen liquidar despois de medio ano de que se suspendera o servizo, así que alguén, que é a alcaldesa, terá que explicar por que”, conclúe.