O goberno local de Lugo volveu dar as costas ás necesidades de Lugo ao votar en contra das catro iniciativas que o Grupo Municipal Popular levou ao pleno. A negativa a estas propostas deixa clara a súa falta de xestión e o seu interese por priorizar intereses partidistas fronte ás demandas reais dos lucenses.
Planta de biometano de Coeses
PSOE e BNG empregan este proxecto unicamente como arma política contra o PP, pero demostran a súa hipocresía ao defender unha cousa na rúa e facer outra nos despachos. A súa deixación de funcións, nun tema no que teñen competencias directas, deixa en evidencia os compromisos adquiridos coa empresa promotora. Rexeitaron a nosa proposición para buscar unha ubicación consensuada e avanzar neste proxecto desde o diálogo e o consenso.
Plan Integral para a Milagrosa e Barrio Feijóo
O goberno local nega a realidade que viven os veciños destes barrios ao rexeitar un plan que priorice a seguridade, a fixación de poboación e a consolidación de servizos. Ademais, opoñéronse a instalar unha oficina da Policía Local na Milagrosa, unha medida que reforzaría a seguridade e a atención de proximidade nesta zona tan necesitada de solucións.
Escola Municipal de Música
É inaceptable que PSOE e BNG votasen en contra de pagar aos músicos o que lles corresponde pola súa titulación, unha medida imprescindible para desbloquear e poñer en marcha a Escola Municipal de Música. A reunión convocada polo goberno local hai dous días foi unha reacción á nosa iniciativa. Aínda que aseguran que a Escola abrirá en xaneiro, negáronse a apoiar a nosa proposta, mentres 300 persoas matriculadas seguen esperando e as instalacións están en estado de deterioro, con deficiencias graves como pingueiras en varias aulas.
Plan de control de accesos na Calzada da Ponte
Un ano despois da súa inauguración, o goberno local segue sen implantar un sistema efectivo para a identificación de vehículos. As súas medidas improvisadas e reaccións tardías evidencian unha falta de planificación que afecta directamente aos veciños.
Os populares lamentamos que PSOE e BNG rexeiten iniciativas que eles mesmos recoñecen como necesarias, demostrando que traballan por reacción ás nosas propostas e non desde unha verdadeira vontade de xestión. Estas negativas son un desprezo á cidadanía e unha mostra máis da parálise dun goberno local que non está á altura das necesidades de Lugo.