
A voceira do Grupo Municipal do PP reuniuse co conselleiro de Sanidade para abordar o proxecto do novo centro de saúde do Sagrado Corazón, tras lograr que o goberno local rectificase na súa intención de levalo fóra do barrio á zona de Paradai. Finalmente, PSOE e BNG deron marcha atrás e volveron a apostar pola parcela onde está o antigo colexio do Sagrado Corazón. Esta rectificación do goberno local quedou reflectida no apoio unánime de toda a corporación no pleno ordinario de decembro de 2024, no que se aprobou a nosa iniciativa, contando ademais co arroupe de veciños que se achegaron ao salón de plenos.
Con este respaldo claro, no encontro que mantiven con Antonio Gómez Caamaño pedínlle que reitere ao Concello a solicitude de cesión da parcela, tal e como recollía o acordo plenario, para avanzar dunha vez nesta dotación tan necesaria. Desde o Grupo Municipal, xa o pasado 10 de febreiro trasladamos esta resolución ao goberno local a través dunha carta oficial.
A Consellería de Sanidade leva insistindo desde 2021 na cesión dos terreos para construír un novo centro de saúde, pero segue sen resposta. É difícil entender a actitude do goberno local, máis centrado en confrontar que en traballar por este barrio. Sen embargo, este proxecto non pode quedar paralizado pola súa inacción. Con ou sen a súa implicación, avanzaremos, porque o máis importante é o apoio dos veciños. Será un proxecto transformador e unha honra lideralo, como xa se fixo co colexio.
A presenza da Xunta neste barrio é incuestionable: ademais da construción deste centro educativo, está a desenvolver proxectos clave como a nova terminal de buses e o aparcadoiro da intermodal. Tamén ten en marcha iniciativas fundamentais como a reforma da rúa Serra de Meira e a creación de máis vivenda pública, imprescindibles para a mellora da calidade de vida na zona.
O noso traballo como grupo municipal ten un obxectivo claro: construír e sumar. E iso tamén significa pedir ao goberno que rectifique cando se equivoca, como neste caso. Logramos que non trasladasen o centro de saúde a Paradai; agora toca que se impliquen de verdade neste proxecto e neste barrio, que teñen completamente esquecido. Lugo merece feitos, non máis escusas.