O voceiro do PP Antonio Ameijide criticou “a permisividade da alcaldesa con Gestauga, empresa que utilizou hai un ano instalacións municipais da Estación Depuradora de Augas Residuais para realizar análises de auga doutros Concellos, algo que está totalmente prohibido no contrato”
O Partido Popular critica a permisividade coa que a alcaldesa trata á multinacional concesionaria do ciclo da auga xa que “un ano despois de que destapasemos o uso, a custe cero do laboratorio da Estación Depuradora de Augas Residuais, para realizar análises de auga doutros concellos galegos”. Antonio Ameijide puntualizou que os socialistas “non foron quen, dende maio do ano pasado, de abrir un expediente, ou de tomar medidas para sancionar á concesionaria por esta práctica irregular”.
Antonio Ameijide recriminou aos de Lara Méndez que “fagan a vista gorda diante deste despropósito” xa que “non é de recibo que permitan usar instalacións, materiais, equipos e persoal pagados polos lucenses para un servizo que esta empresa privada realiza e factura a outros concellos galegos cos que ten contratos”.
O voceiro popular lembrou que o Partido Popular fixo público “o uso indebido destas dependencias municipais en maio do ano pasado cando acreditou, con documentación gráfica, que nestas dependencias municipais se estaban a analizar mostras de auga que procedían de catro depuradoras do concello de Carballo”.
Transcurrido un prazo máis que prudencial, os populares piden agora explicacións ao goberno local “dos motivos polos que a alcaldesa permaneceu de brazos cruzados diante desta práctica irregular”.
O voceiro popular tamén quere saber “as razóns polas que, dende o goberno local, permiten que se sancione a traballadores da empresa que, no seu día, o único que fixeron foi advertir, a representantes municipais, que se estaban realizando estas análises alegais na Estación Depuradora de Augas Residuais”.
O voceiro popular reclama aos socialistas “a defensa dos traballadores xa que a tolerancia do goberno socialista con Gestauga favorece que a empresa privada leve a cabo prácticas propias dunha política represiva co obxecto de amedrentar aos traballadores”. Os dous casos que se detectaron foi o do despido dun operario, que pasado un tempo foi readmitido, e recentemente a suspensión de emprego e soldo doutro traballador por un período de 60 días”.
O voceiro popular considera “inadmisible a falta de contundencia dos socialistas para desautorizar á empresa infractora” xa que “estamos a falar dunha empresa que xestiona, dende hai sete anos, o ciclo completo da auga cun contrato caducado”. Os populares lembran outras prácticas irregulares nas que incurre esta mesma empresa aludindo aos sucesivos informes negativos de Augas de Galicia declarando “moi deficiente a xestión da depuración de augas na EDAR de Lugo”.