O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide desvela que un informe do servizo de contratación pon de manifesto todos os avisos que recibiu a rexedora para renovar os contratos caducados, desatendendo ata 53 advertencias para renovar os contratos caducados de tres servizos que teñen un custo estimado para as arcas municipais de máis de 12M€
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvela que nos tres anos que Lara Méndez leva á fronte do Concello de Lugo “desatendeu” polo menos 53 avisos de técnicos municipais alertando da necesidade de renovar tres dos máis de 20 contratos caducados que hai no Concello de Lugo.
Así o confirmou Antonio Ameijide despois de estudar un informe emitido o 24 de outubro deste ano polo xefe do servizo de contratación, patrimonio e fomento, no que unicamente se recollen os avisos referentes a tres contratos caducados. Para o popular está claro e, con este informe se pon de manifesto, o modus operandi dos socialistas no referente á xestión da contratación dos servizos municipais. “Agora será a xustiza a encargada de esclarecer a xestión dos socialistas”, dixo Ameijide.
O voceiro popular asegura que “por algún motivo que descoñecemos” non se readxudican os grandes contratos deste Concello, e pesar de que algún deles está caducado desde o ano 2011 e a pesar das “reiteradas” advertencias realizadas polos técnicos municipais.
No informe ao que o Grupo Popular tivo acceso confirmase que nos tres anos que Lara Méndez leva na alcaldía recibíu 23 avisos alertando da necesidade de iniciar o proceso de contratación para o servizo do ciclo de auga sendo a “única realidade constatable”, segundo asina o xefe de servizo de contratación, que “a día de hoxe non se enviou ningún tipo de documentación a contratación para iniciar o proceso de contratación”.
O popular asegura que o goberno socialista “persevera” en manter varias ilegalidades. Ademais dos 23 avisos que recibiron no referente ao ciclo da auga hai que engadir os 22 avisos recibidos sobre o contrato de limpeza en dependencias municipais ou os 8 avisos referentes ao contrato de recollida do lixo.
En referencia a este último contrato, que caducou o 31 de marzo do ano 2017, o 11 febreiro de 2016 Lara Méndez xa recibíu unha notificación do vencemento do contrato, no que o xefe do servizo de contratación urxía a iniciar un proceso de licitación pero a día de hoxe, afirma de novo o xefe de servizo, “non se enviou documentación algunha ao servizo correspondente para iniciar o proceso”.
Destacar que só estes tres servizos caducados teñen un custo anual para as arcas municipais de máis de 12.100.000€.
Neste informe tamén se fala do contrato de xestión recadatoria, o segundo máis gravoso para as arcas municipais cun custe anual cercano aos 5M€. O contrato deste servizo rematou hai un ano, celebrándose a mesa de contratación para resolver a licitación o pasado 12 de abril, “data dende a que nada máis se voltou a saber sobre a renovación deste contrato, sete meses para avaliar as ofertas presentadas mentres se mantén unha situación de alegalidade”.
Un informe que vén a reafirmar a denuncia penal presentada polo Grupo Popular nos xulgados lucenses contra a alcaldesa e algúns dos seus concelleiros por unha presunta prevaricación e unha posible malversación, “unha decisión dura” pero que á vista dos reiterados avisos desatendidos polo goberno local era “a última vía que nos quedaba” pero que aos socialistas “non lles importa” xa que seguen nas mesmas.