O voceiro municipal popular Antonio Ameijide asegura que o Concello podería ter que asumir indemnizacións millonarias despois de que Inca, a empresa adxudicataria, solicitara o 3 de agosto de 2017 a rescisión do contrato, o resarcimento dos danos e perxuízos producidos de xeito emerxente, o lucro cesante ou todo aquel custe no que incurra a empresa
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou o “crebacabezas” no que Lara Méndez e o seu equipo converteron a Fábrica da Luz dende que chegaron á alcaldía de Lugo. O popular lamenta que nos últimos anos “nada se puido facer” nestas instalacións para poñelas en valor, polo que se corre o risco de que se perdan os dereitos de explotación “que tiñamos os lucenses” e rematar no pago dunha indemnización millonaria á empresa concesionaria da súa explotación.
Segundo explicou Antonio Ameijide a xestión de Lara Méndez e o seu equipo á fronte da Fábrica da Luz é “calamitosa”, tanto, que podería desembocar na extinción do aproveitamento de 7.000 l/s de auga do río Miño con destino á produción de enerxía eléctrica. O voceiro popular informou que o 22 de xaneiro deste ano a Confederación Hidrográfica Miño-Sil remitiu un escrito ao Concello de Lugo para que presentase “un proxecto no que quedasen definidos todos os traballos, obras e instalacións” que se pretenden executar.
Ante esta situación, o Concello lle solicitou a Inca, o 19 de febreiro, que lle remitise un proxecto no que se subsanasen todas as eivas detectadas, petición á que a empresa respondeu o 23 de febreiro que a documentación solicitada xa estaba en poder do propio Concello, nun escrito no que aseguran que “non hai problema en remitir de novo toda a documentación pero que, ante a petición de rescisión do contrato presentada, a empresa cobrará ao Concello todo aquel custe no que incurra por este traballo”.
Ante esta situación, Ameijide explicou o 23 de abril de 2018 o Concello remitiu a documentación á Confederación pero, a mesma responde o 23 de maio de 2018 que está incompleta e que a ataguía número 4 “non está amparada” pola DIA (declaración de impacto ambiental) “nin contempla” os proxectos xa aprobados pola CHMS, polo que lle concede un segundo prazo de tres meses para presentar un proxecto no que se corrixan os erros comunicados pola Hidrográfica e, de non ser así, “todos os lucenses corremos o serio risco” de perder os dereitos de explotación que temos. “A conta atrás xa comezou e o Concello ten ata o 30 de agosto para subsanar os erros”, asegurou o popular.
Ademais, o voceiro popular recordou que Inca pedíu por escrito a resolución do contrato e unha indeminización na que se inclúan os danos e perxuízos producidos de xeito emerxente e o lucro cesante, así como o pagos dos intereses de demora e a devolución da garantía e, incluso, que todo aquel custe no que incurra a empresa “será obxecto de resarcimento na liquidación do contrato”. Unha petición que non obtivo resposta por parte do goberno local, polo que Inca, unha vez transcorridos tres meses dende esa petición, o 9 de febreiro presentou un recurso contencioso no xulgado de Lugo “contra a desestimación presunta do dereito de resolución do contrato producido por causas imputables ao Concello”.
Antonio Ameijide asegurou que “queda demostrada a mala tramitación” de Lara que “bloqueou todo o relacionado” coa Fábrica da Luz e, cando procederon a realizar os trámites que lles solicitaron dende outras administracións o fixeron “tarde, mal e arrastro”, como se demostrou cando o goberno local solicitou a prórroga de concesión ante a CHMS, “pero fóra de prazo”. O popular asegura que o concelleiro de infraestruturas asinou os documentos un mes e medio despois de que os puxeran na súa mesa para que os asinara.
Entre as eivas detectadas, e comunicadas nun acta de recoñecemento que está asinado polo propio concelleiro de Desenvolvemento Sostible, na visita ás instalacións realizada o 7 de novembro de 2017, están que parte da maquinaria está oxidada, o caneiro invadido pola vexetación e erosionado, ausencia da escala de peixes nin outro dispositivo de franqueo na presa ou ausencia de instalación eléctrica, entre outras deficiencias, ás que a empresa concesionaria engade un escrito no que solicita ao Concello de Lugo “maior presenza policial” na zona para evitar que persoas non autorizadas a entrar na zona de obra o fagan, xa que “rompen” continuamente a valla perimetral, o que supón “un importante custo” para a empresa.
Solicitude de visita á Fábrica da Luz
O voceiro popular denunciou tamén que o goberno socialista de Lugo segue a “negarnos” o acceso á Fábrica da Luz, unha instalación municipal valorada en 1.3M€, a pesar de que o Grupo Popular xa solicitou en dúas ocasións o acceso a esta dotación para comprobar o seu estado.
O 14 de febreiro de 2014 o Grupo Popular rexistrou un escrito para solicitar acceso ás instalacións, pero, a día de hoxe, “seguimos agardando por unha resposta, xa sexa afirmativa ou negativa”.
Antonio Ameijide tamén confirmou que esta petición se realizou de novo a semana pasada, pero, nesta ocasión “a resposta foi negativa”. O voceiro popular lamenta a falta de transparencia do goberno de Lara Méndez, “neste e noutros eidos” e sospeita que esta situación débese a que o estado da Fábrica da Luz “é tan nefasto” que non queren dar acceso aos populares para evitar que “denunciemos” a situación real desta dotación.