O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide afirma que cada reparo de legalidade que levante Lara Méndez será un lastre máis cando teña que explicar ante a xustiza os motivos de que no Concello de Lugo haxa empresas cobrando do Concello con reparos de legalidade desde hai máis de sete anos, sen que fixeran nada por regularizar algún tipo de contrato
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que o goberno local segue instalado “nas súas malas prácticas” ao aprobar un novo pago con reparos de legalidade, nesta ocasión por valor de 2.650.329,44€, o que deixa o total en 12.928.736,87€.
Segundo afirmou Antonio Ameijide toma máis forza a denuncia presentada polo Grupo Municipal Popular no xulgado lucense polo xeito de xestionar a contratación no Concello de Lugo polo equipo de goberno socialista. O voceiro popular afirmou que Lara Méndez segue a “saltar a lei” mantendo empresas sen contrato que cobran millóns de euros sen contrato, senón que tamén “salta a lei de contratos” para asuntos menores, coma pagar obras de beirarrúas, pagar facturas do Arde Lucus, servizos de cátering, reprografía, alugueiros de equipos ou vestiario.
O popular recorda que presentar a denuncia “foi unha decisión dura, a única posible e é a última que nos quedaba” pero “vemos que aos socialistas non lles importa e que seguen nas mesmas”. Para Ameijide é unha decisión responsable porque “o PP ten a responsabilidade de defender os dereitos dos lucenses e fiscalizar as accións do goberno eso é o que fixemos con esta denuncia”.
Entre as principais facturas con reparos de legalidade sobresae, por enriba das demais o 1.115.624,20€ pagado a Urbaser, pagando ademais 725.013,56€ a Gestagua pola xestión da Edar e da Etap, 155.309,05€ a Tribugest pola xestión recadatoria ou 85.866,69€ a Cechalva polo servizo do guindastre, levando algún deles máis de sete anos caducado.
Aos pagos con reparos de legalidade se engaden tamén os máis de 2.5M€ que os socialistas levaron xa ao pleno para o seu debate, a maior parte deles con reparos de legalidade, unha situación que tería que ser “extraordinaria” pero que no Concello de Lugo xa se converteu en “ordinaria” e todos os meses “temos que debater sobre este tema”.
Antonio Ameijide asegura que se pon de manifesto unha vez máis a “nefasta” xestión económica dos socialistas á fronte do Concello de Lugo, unha xestión que ocasiona numerosos problemas aos provedores e empresarios que prestan servizos a este Concello, xa que ao remate do segundo trimestre (30 de xuño) había 10.624.926,21€ pendentes de pago. Segundo o informe emitido pola tesoureira municipal, a 30 de xuño había 7.818 facturas sen pagar a pesar de que nas contas bancarias municipais hai máis de 22.5M€, unha clara mostra de que “Lara Méndez non se preocupa polo benestar” dos empresarios e autónomos que prestan servizos ao Concello de Lugo.
Gastos en promoción persoal
Antonio Ameijide recorda como “xa denunciamos” a comezos de ano, cando se avalou o proxecto de orzamentos presentado por Lara Méndez, que a rexedora adicase máis presuposto á promoción da súa imaxe que á promoción do turismo de Lugo, unha situación que agora se agrava ao descubrir que a rexedora tivo que retirar cartos reservados á contratación de persoal para seguir investindo na súa promoción persoal.
O voceiro popular explica que para a promoción do Turismo “só se destinan” nos orzamentos 158.300€, moito menos do que Lara Méndez “reserva” para gastos diversos do seu gabinete (150.000€). Uns gastos aos que se engaden publicidade e propaganda de alcaldía (80.000€).