O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explicou que durante o ano 2017 se a comisión de queixas e suxestións recibiu 217 expedientes, sendo 60 delas remitidas a alcaldía, o que demostra que a xestión da rexedora á fronte do goberno municipal “deixa moito que desexar” tendo numerosos debes na súa labor como alcaldesa
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou que a área de alcaldía é a que máis queixas recibe por parte dos lucenses. Así se desprende da memoria do ano 2017 da comisión de queixas e suxestións, que durante o ano pasado recibiu 217 expedientes, sendo 60 deles só na área de alcaldía.
Antonio Ameijide explica que os propios lucenses “non están satisfeitos” coa xestión de Lara Méndez á fronte do Concello de Lugo e que así o fan saber a través das súas queixas, que remiten a través desta comisión.
Ademais, o voceiro popular clarifica que alcaldía é a segunda área con máis queixas sen resolver, sendo a primeira, a de desenvolvemento sostible e persoal, de Daniel Piñeiro, o concelleiro que máis problemas xera na tramitación de calquer asunto referente a súa área de goberno, que ademais ten a “dubidosa honra” de estar no podio das áreas con máis queixas recibidas, xa que é a terceira.
Para Antonio Ameijide o grave non é só o elevado número de reclamacións recibidas nesta comisión, se non que o que non se pode facer é deixar sen resposta gran parte das numerosas queixas recibidas ou “arquivar” expedientes “dando respostas vagas e estandarizadas sen entrar a estudar unha solución”. “Aínda quedan 64 queixas sen respostar o que demostra cal é a folla de ruta dos socialistas: traballo cero e ausencia de solucións para os lucenses”, explicou o popular.
Antonio Ameijide explica que a política de persoal que os socialistas seguiron nos últimos anos vese reflectida nas queixas dos lucenses. A falta de mantemento das infraestruturas municipais e das zonas verdes, desembocou en que os departamentos competentes, enxeñería e medio ambiente, recibiron 39 e 17 queixas, respectivamente. O servizo de augas, no que os socialistas desmantelaron por completo a brigada de augas, recibiu 20 queixas.
Outro dos servizo que xera numerosas queixas por parte dos lucenses é o transporte urbano. A demora na remodelación do servizo que Lara Méndez anunciou hai máis de dous anos provoca que os lucenses vexan como non se solucionan as súas peticións e tampouco se da cobertura ás necesidades dos lucenses, que “hoxe en día non ven no transporte urbano unha alternativa para moverse por Lugo”. Antonio Ameijide recorda que “dende o Grupo Popular levamos varios anos pedindo a reforma integral do transporte urbano, pero semella que a Lara Méndez é unha materia que non lle interesa”.
A ausencia de cobertura de prazas vacantes nos diferentes servizos municipais tamén provoca queixas por parte dos lucenses. Antonio Ameijide explica que o Concello segue a ter pendente a convocatoria das prazas das Ofertas de Emprego Público dos anos 2015, 2016 e 2017 (correndo serio risco de caducar a do ano 2015) polo que hai numerosos servizos municipais que teñen unha carencia “alarmante” de persoal polo que non poden dar cobertura nin resposta a todas as necesidades dos cidadáns, o que desemboca na remisión de queixas por parte dos lucenses.