O concelleiro do Grupo Municipal do PP Ángel Trabada desvela que o actual sistema de iluminación que hai na pasarela peonil sobre o Miño á altura da Fábrica da Luz non permite a substitución das lámpadas cando se funden, polo que o Concello terá que substituír a instalación por unha nova
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ángel Trabada, fixo público que o goberno local terá que realizar de novo a instalación da iluminación da pasarela peonil sobre o río Miño á altura da Fábrica da Luz, xa que as luminarias que hai na actualidade non se poden substituír unha vez se funden, polo que a “única solución posible é realizar unha nova instalación da iluminación”.
O concelleiro popular denuncia que xa hai meses que as luminarias “comezaron a fundirse” e os cidadáns comezaron a queixarse xa que durante as primeiras horas do día e as últimas, momentos que moitos lucenses aproveitan para pasear e facer deporte por esa zona, a “iluminación comeza a ser deficitaria”. O popular urxe ao goberno local a estudar a mellor solución no menor prazo de tempo para realizar a nova instalación o antes posible e así dotar esta pasarela dunha “total iluminación”.
Ángel Trabada anunciou tamén que o Grupo Popular realizará un rogo na comisión correspondente para que o goberno local se encargue “en condicións” do mantemento desta infraestrutura que no seu día se inaugurou co obxectivo de convertelo nun referente no entorno do Miño.