O Grupo Municipal do Partido Popular consegue a unanimidade da corporación municipal para que o goberno local cree un novo canil na cidade e mellorar o mantemento e hixiene dos xa existentes.
Os caniles realizan unha función de gran importancia porque logran unha harmonía e a boa convivencia nos espazos verdes, diminúen a contaminación producida polas heces dos cans e fomentan o paseo de mascotas especialmente coa instalación de xogos e obstáculos de adestramento, xa que o mobiliario incentiva aos donos das mascotas para utilizar o canil.
Na actualidade a cidade de Lugo conta con tres caniles que están situados en Fingoi, Carril das Estantigas e Frigsa que dan servizo aos máis de 15.200 cans identificados, os cales se atopan en mal estado de conservación, sendo necesario levar a cabo labores de mantemento, especialmente en canto á drenaxe porque coa chegada das choivas pódense inundar. Estes caniles na actualidade quedáronse pequenos polo que é preciso a creación dun novo, o cal se podería situar nalgún dos numerosos espazos verdes existentes como por exemplo nas costas do Parque Rosalía de Castro ou no Paseo do río Miño
Por todo elo o Grupo Municipal Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE instar o Goberno Local a:
- Mellorar o mantemento dos caniles para evitar que na época de choivas se converta nunha lameira, e se instalen equipamentos axeitados para os cans.
- Crear un novo canil nalgunha das zonas verdes existentes na nosa cidade como pode ser no Parque Rosalía de Castro ou no Paseo do río Miño.