O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide recorda que o abandono de Lara Méndez non se centra so na Milagrosa, xa que outras zonas como A Ponte ou o barrio Feijoo, precisan ser declaradas como ARI para comezar unha “rexeneración urxente”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamentou as mentiras de Lara Méndez aos veciños da Milagrosa aos que abandonou de novo ao non solicitar a declaración de ARI para este barrio, polo que, un ano máis, non poderán acceder ás axudas para rehabilitar as casas do barrio, un dos máis degradados da cidade.
Antonio Ameijide lamenta a “inacción” da rexedora e do seu equipo de goberno, un xeito de actuar que afecta directamente ás 1.600 vivendas que hai no barrio da Milagrosa e que poderían terse acollido ás axudas do Plan Estatal de Vivenda no que tanto a Xunta de Galicia (12.000€ por vivenda) como o Ministerio de Fomento (4.000€ por vivenda) poñen a disposición dos habitantes das áreas declaradas como ARI para reformar total ou parcialmente as casas.
O voceiro popular lamenta que esta “inacción” dos socialistas no afecta unicamente aos veciños da Milagrosa, xa que outras zonas da cidade, como A Ponte ou o barrio Feijóo, tamén precisan da declaración de ARI para acceder a estas axudas para a rehabilitación xa que “se trata doutras zonas da cidade degradadas e que precisan axuda para recuperar a imaxe que tiñan hai anos”.
Antonio Ameijide recorda que este pode ser o segundo ano consecutivo que Lugo quede sen estas axudas xa que o ano pasado foi a únicas das grandes cidades de Galicia que non as solicitou. E por riba, tendo en conta que Lugo presentou o ano pasado o menor grao de execución de subvencións, con tan só un 18,25%, o que demostra o pouco interese de Lara Méndez por axudar a rehabilitar os barrios da cidade.
Para evitar este extremo, o popular comunica a Lara Méndez que o pasado 17 de agosto comezou o prazo, que é dun mes, para solicitar as axudas para os ARI xa recoñecidos, sendo o do casco histórico de Lugo o único que se pode acoller a estas axudas, xa que o outro que hai na cidade, o do Sagrado Corazón, non se pode acoller. “A día de hoxe só hai un ARI operativo en Lugo, segundo as palabras de Daniel Piñeiro, que no seu día dixo que o do Sagrado Corazón xa rematara”, explicou Ameijide.
De non solicitar Lara Méndez estas axudas, os veciños das 2.268 vivendas que hai no casco histórico de Lugo corren o risco de perder 5.000€ por vivenda, xa que dos 16.000€ aos que se pode optar da axuda da Xunta e do Ministerio de Fomento deste ano, pasaría só a unha axuda de 11.000€ por vivenda, que é a que aínda está vixente de anos anteriores.
Recorda o voceiro popular que incluso se pode acceder a axudas de ata 30.000€ nos casos de demolición e nova construcción dunha casa.
Antonio Ameijide insta aos socialistas a solicitar estas axudas e a que traballen pola declaración da Milagrosa e outros barrios como ARI para que os veciños poidan reformar as súas vivendas, xa que “se trata dun xeito de loitar contra a okupación de vivendas e o abandono de barrios”.