EconomíaTransparencia

O PP constata que a parálise municipal provocada por Lara Méndez retrasa ata nove meses a autorización da terraza dun bar

By 23 Outubro, 2018Outubro 24th, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia que o desmantelamento levado a cabo polo PSOE sófreno tamén os establecementos de hostalería que ven como para “unha simple autorización dunha terraza” teñen que agardar, de media, máis de catro meses, chegando nalgún caso a case nove meses de espera para poder instalar unhas mesas e unhas cadeiras no exterior dos seus locais

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia o atraso que se acumula na resolución das licenzas para terrazas e que sofren moitos hostaleiros da cidade.

Antonio Ameijide explica que estes retrasos “prexudican gravemente” aos hostaleiros que solicitan a licenza para colocar unha terraza xa que “ata ter a autorización municipal correspondente non se pode ocupar a vía pública” polo que, nalgún caso teñen que retrasar a colocación da terraza, polo que perden parte do tempo que solicitan para colocar a terraza.

O prazo medio para obter unha autorización é de 116 días e, unha vez máis, o Concello de Lugo está a superar os prazos legais establecidos, xa que “resolven nunha media de catro meses de prazo”.

Antonio Ameijide cualificou de “caótica” a xestión da concesión de autorizacións asegurando que “non se pode demorar tanto concesión dun permiso para unha terraza” xa que estamos a falar de empresarios que queren “potenciar o seu negocio” polo que a administración “non pode ser un freo”. O voceiro popular explicou que no que vai de ano se rexistraron 63 solicitudes para a instalación de terrazas, 38 anuais (60%), 20 semestrais (32%) e 5 trimestrais (8%).

Dentro dos atrasos hai casos realmente chamativos. Como o dun hostaleiro da Ronda de Fontiñas que tivo que agardar 258 días para que lle autorizaran a colocación dunha terraza, ao igual que unha hostaleira da Praza Maior que solicitou unha autorización anual para colocar a terraza e tivo que esperar 229 días para obter a licenza. Datos que contrastan cos 34 días que se tardou en conceder unha autorización anual a un establecemento na Ronda do Carme. Por iso, o Grupo Popular preguntará ao goberno local o motivo destas “diferenzas” nos prazos de autorización e por que non se conceden en prazo as licenzas.

O voceiro popular confirma que só hai tres tipos de autorización de terraza: trimestral, semestral e anual. A autorización trimestral ten que solicitarse antes do 30 de abril e só poden colocarse dende xullo ata setembro. A licenza semestral pode solicitarse ata o 28 de febreiro e pode colocarse dende maio ata outubro. Mentres que a licenza anual permite colocar a terraza durante todo o ano, como seu nome sinala. A singularidade da licenza anual radica en que non contempla a posibilidade de prórroga, “obrigando” aos hostaleiros a solicitar unha nova autorización cada ano.

Neste senso, Ameijide ve unha evidencia máis da parálise que vive o Concello de Lugo, xa que nunha xestión “sinxela” como é dar unha nova autorización a un establecemento de hostalería para colocar unha terraza que, en moitos casos xa está na rúa dende hai anos, “non se fai en prazo”. Ademais, o popular recorda que os solicitantes realizan o pago das taxas no intre de presentar a solicitude e se non teñen a autorización por escrito se expoñen a ser sancionados se colocan a terraza antes de tempo, pese a ter pagadas as taxas correspondentes para iso e ter solicitado o permiso.

 

Redución das taxas

Antonio Ameijide recorda que “grazas ao traballo de oposición que realizamos” dende o Grupo Popular os lucenses acadaron importantes rebaixas coa ordenanza fiscal 152.

Esta ordenanza, reguladora das taxas por aproveitamentos especiais da vía pública, outorga aos lucenses importantes beneficios, que oscilan entre o 50% e o 66% de aforro. Con esta nova ordenanza un establecemento de hostalería obtivo un aforro do 66,6% na instalación da terraza.

Antonio Ameijide asegurou que “os beneficiarios non foron unicamente os profesionais, xa que calquer lucense que desexe realizar unha ocupación da vía pública aproveitará esta rebaixa, coa que deixamos de ser o Concello coa ordenanza máis cara de Galicia”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies