O concelleiro do Grupo Municipal do PP Ángel Trabada lamenta que desde o goberno local “se esqueceron” das asociacións do Camiño de Santiago de Lugo para os actos programados no día adicado ao Camiño Primitivo no San Froilán
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Ángel Trabada lamentou hoxe que dende o goberno local “se esqueceron” da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo para a celebración, na xornada de hoxe, do día adicado ao Camiño Primitivo durante as festas de San Froilán.
Neste senso, Ángel Trabada non comprende como desde o Concello decidiron “non contar” coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, xa que é unha asociación de Lugo, das máis antigas de Galicia e unha das primeiras de España, e ao longo do ano realizan unha cantidade importante de actividades. “Poderían contar ou non coa asociación para organizar os actos programados para hoxe, pero sí que terían que convidar a este colectivo aos actos programados para este día, xa que é un desprezo moi evidente”, explicou Trabada.
A pesar disto, o concelleiro popular sí que ve “positivo” que se convide a asociacións doutras provincias e comunidades, como pode ser unha asociación asturiana, para dar a coñecer as patronais, pero “dende o goberno local terían que ter vista suficiente para lembrarse da xente de aquí”.
Ademais, Ángel Trabada lembra que desde a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo “sempre colaboraron en todo o que se lles solicitou” e “eu mesmo levei a pleno unha proposición para que desde o Concello se solicitase a declaración do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade”.