CulturaTurismo

O PP denuncia que o boicot constante de Lara Méndez á Xunta chega ata o extremo de bloquear un paso de peóns no Camiño Primitivo

By 10 Outubro, 2018Outubro 11th, 2018Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Ángel Trabada explica que hai máis dun ano que a Xunta pediu permiso ao Concello para sinalizar un paso de peóns no Camiño Primitivo na Ronda do Carme para garantir a seguridade dos peregrinos, petición que Lara Méndez está a torpedear para evitar calquer tipo de inversión do goberno galego en Lugo

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ángel Trabada, denuncia a “cruzada” de Lara Méndez contra a Xunta de Galicia que chega ata o extremo de realizar un “boicot constante” a todos os proxectos que tenta realizar o goberno galego na cidade.

Ángel Trabada explica que o 3 de agosto de 2017 a Xunta remitiu un escrito á alcaldía do Concello de Lugo no que solicitaba a sinalización dun paso de peóns na Ronda do Carme, no lugar polo que pasa o Camiño Primitivo, unha actuación que se enmarca dentro das obras de acondicionamento do Camiño Primitivo.

Unha petición que non tivo resposta, polo que desde Turismo de Galicia reiteraron a solicitude o 27 de setembro dese mesmo ano. Unha petición que a alcaldesa derivou ao Gabinete de Tráfico da Policía Local, departamento que respondeu á Xunta, o 12 de novembro de 2017, que tiña que dirixirse ao servizo de licenzas do Concello de Lugo.

Ante esta situación Ángel Trabada explica que desde Turismo de Galicia remitiron a petición directamente a alcaldía, polo que Lara Méndez, “perfectamente coñecedora do que facía, derivou a solicitude ao departamento incorrecto para torpedear unha actuación que a Xunta quería acometer en Lugo”.

O popular afirma que a Xunta está á espera de que o Concello sinalice o paso de peóns ou dea o permiso oportuno para poder facer a actuación a propia Xunta. “Queda claro que semella complicado que unha administración solicite calquer tipo de licenza ou realice actuacións nos terreos de outra sen o permiso previo da titular do terreo”, afirmou o concelleiro popular. Ademais, Trabada engade que “sinalizar un paso de peóns é unha competencia municipal” algo do que Lara Méndez semella esquecerse para torpedear a petición da Xunta. Por iso, pide celeridade ao goberno socialista de Lugo para que outorguen licenza á Xunta para realizar a obra e logo o Concello só terá que pintar os pasos de peóns, xa que “non queremos agardar a que pase calquer incidente” para logo actuar “ás présas”.

O concelleiro popular explica que estamos ante “unha evidencia máis” do abandono do Camiño Primitivo por parte do goberno socialista de Lugo e da falta de lealdade institucional do Concello. O popular asegura que xa tentaron bloquear o novo auditorio, as actuacións na Residencia para a creación do Centro Integral de Saúde, o novo colexio para o Sagrado Corazón e, agora, tentan bloquear a creación dun paso de peóns para dar máis seguridade aos peregrinos ao seu paso por Lugo. Unha alcaldesa que só se acorda do Camiño Primitivo un día ao ano, mentres que o esquece o resto do tempo.

Unha actuación, a do Concello de Lugo, que se vén a sumar á multa imposta polo propio Concello á Xunta de Galicia hai uns meses polos traballos desenvoltos polo goberno galego no Camiño Primitivo, o que demostra que os socialistas “nin fan nin deixan facer”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies