A concelleira do Grupo Municipal do PP Ana López Pombo explicou que se presentará a pleno unha iniciativa para mellorar o funcionamento do punto limpo xa que os socialistas “seguen a mirar cara outro lado” nesta instalación xa que seguen aparecendo butróns no peche perimetral, que “non é suficiente” para disuadir aos ladróns, polo que urxe aos socialistas a cumprir a súa promesa de realizar un peche “en condicións” para evitar que se siga a repetir esta situación
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ana López Pombo, pon de manifesto que o punto limpo do Polígono de O Ceao segue a ser un imán para os cacos que, noite tras noite, seguen a “saquear” esta instalación.
Non é a primeira vez que dende o Grupo Popular se denuncia a situación que se vive no puno limpo, pero a situación “está chegando a tal extremo” que os arredores desta instalación xa comezan a asemellarse a un vertedoiro incontrolado, pese a que “nos consta” que dende o goberno local se fixo a promesa de “tomar medidas” no asunto e realizar un peche “en condicións” para evitar esta situación, polo que “nos vemos na obriga de pedir en pleno unha solución” para o punto limpo.
Incluso a situación foi a peor. Coa limpeza da maleza que rodeaba a instalación, o peche perimetral quedou por completo ao descuberto, polo que agora os amigos do alleo teñen un acceso máis doado a toda esta dotación polo que, agora mesmo, todo o peche perimetral esta cheo de buratos que converten o punto limpo no “punto aberto” aos cacos.
Ana López Pombo tamén pide unha revisión do horario do punto limpo (de luns a sábado de 10:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas) e das cantidades que se poden depositar de determinados residuos. O horario o que produce é que os cidadáns que se achegan ata alí a depositar residuos se atopen coa instalación pechada, polo que optan por deixar na porta os aparatos que levan para a súa reciclaxe.
A concelleira popular recorda que para tentar paliar esta situación, dende a Xunta de Galicia se realizaron diversos investimentos na procura dunha mellora na situación, como a instalación dunha marquesiña para os residuos eléctricos e electrónicos, a entrega dunha balanza para residuos e a traspaleta de grandes residuos, intervencións que tiveron un investimento de 16.300€.
Pola contra, o goberno socialista de Lugo, en lugar de reforzar estas actuacións con investimentos complementarios, o único que fixeron foi “mirar cara outro lado” permitindo que os amigos do alleo sigan a campar ás súas anchas polo punto limpo. Os butróns no peche perimetral son constantes e, en lugar de rodear o punto limpo cun muro cego, os socialistas o único que fixeron foi poñer “remendos” a algún dos buratos que se abriron desde hai meses.