O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide asegura que “estamos ante o segundo intento” de silenciar a todos os concelleiros que “formamos o pleno deste Concello” a través da sinatura dun compromiso de confidencialidade enviado a través dun correo electrónico remitido dende un dos órganos de alcaldía
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou que Lara Méndez realizou esta mañá unha nova tentativa de silenciar a todos os concelleiros que forman o pleno do Concello de Lugo, a través da sinatura dun documento, enviado a través dun correo electrónico remitido dende un dos órganos de alcaldía, no que quere “amordazar” á oposición.
Neste escrito preténdese acadar un “silencio total” por parte dos concelleiros, limitando “na totalidade” o traballo de oposición que se realiza dende os grupos. Un documento que converte a Lara Méndez na “alcaldesa da Inquisión, censurando todas as informacións” para tapar a pasividade e o nulo traballo que realiza á fronte do goberno.
Antonio Ameijide explica que o documento está formado por seis puntos, moitos deles obviedades. Concretamente, no terceiro deles se pide textualmente “non divulgar a información que reciba ao longo da miña relación co Concello de Lugo” o que na práctica é “renunciar a facer oposición no que nos queda como concelleiros durante este mandato”. Neste eido, o popular recalca que desde o Grupo Popular sempre se traballou co “máximo respeto” á Lei e á confidencialidade das informacións, “algo que seguiremos facendo sempre”, pero “non estamos dispostos” a que “nos poñan” unha mordaza na boca para que non poidamos denunciar e informar aos cidadáns de todo o que sucede na xestión diaria do Concello.
Ademais, o sexto punto do documento “é unha ameaza directa” a todos os concelleiros xa que nel se especifica que “de non cumprir coas obrigas contraídas asinando o mesmo”, os concelleiros quedarán expostos a ser castigados “coas sancións” que se estimen oportunas.
Antonio Ameijide denuncia que “quedan demostradas unha vez máis as malas prácticas” dos socialistas na xestión do Concello de Lugo, e “o único que faltou nesta ocasión foi que mandaran o documento de noite”. Os socialistas seguen “a facer todo o posible” para limitar o traballo de oposición o que deixa en “evidencia” unha falta total de transparencia, impropia dun equipo de goberno democrático do século XXI.