A concelleira popular Mari Teijeiro asegura que os socialistas de Lugo “castigan novamente” ao tecido asociativo e aos lucenses xa que a improvisación segue a ser a guía do goberno local obrigando a estas entidades a adiantar fondos para afrontar aos gastos subvencionados por este Concello
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mari Teijeiro, desvelou que un 80 por cento das entidades sociais que teñen asignadas as subvencións nominativas por parte do Concello de Lugo aínda non recibiron as axudas correspondentes ao ano 2016 e agardan para asinar os convenios das subvencións correspondentes a este ano 2017, o que supón “un grave perxuízo económico” para estas entidades que se ven na obriga de solicitar créditos ou adiantar cartos propios para facer fronte aos gastos subvencionados por este Concello.
Unha situación que non se pode permitir, segundo asegurou Mari Teijeiro, xa que o xeito de actuar do goberno socialista de Lugo condena aos lucenses “á vivir na inseguridade e na incertidume”. A popular explicou que “o máis normal” sería que a estas alturas do ano as subvencións estiveran na fase de xustificación pero a realidade é que “no caso das nominativas aínda non se asinaron os convenios, polo que as asociacións non teñen a documentación precisa para facer as xustificacións”.
Para Teijeiro este é o modus operandis do goberno local desde que Lara Méndez e o seu equipo chegaron ao Concello. “Castigan constantemente ao tecido asociativo e á cidadanía que precisa algún tipo de axuda. A improvisación é a guía dos socialistas”, expuxo a concelleira popular.
Para tentar trocar esta situación, o Grupo Municipal do Partido Popular levou ao pleno ordinario de febreiro deste ano unha moción para mellorar e axilizar a distribución das axudas. Unha proposta que se aprobou, a pesar do voto en contra do PSOE, o que demostra “que non teñen un mínimo de vontade para tentar mellorar esta situación”.
Pero as subvencións nominativas non son as únicas axudas do Concello de Lugo que chegan tarde aos seus beneficiarios. No que se refire ás axudas para material escolar sucede algo semellante. A piques de rematar o primeiro trimestre do curso, a concesión das axudas aínda está nunha fase provisional, polo que as familias aínda non recibiron os bonos para a compra de material escolar. Mari Teijeiro denuncia, unha vez máis, “a mala praxe” do goberno local no que as axudas de material escolar se refire, xa que no mes de agosto fixo público que os socialistas obrigaban aos libreiros a financiar estas axudas, demorando no tempo o seu pagamento a estos empresarios.
Ademais, a popular explica que o goberno local aumentou de 80 a 100€ a contía das axudas, algo que se pedíu dende o Grupo Municipal do Partido Popular, pero non incrementaron a partida total para este gasto, que é de 36.500€, polo que só se beneficiarán 365 familias, cando máis de 600 pediron estas axudas.
Mari Teijeiro tamén denuncia a situación das axudas de concorrencia competitiva. A convocatoria destas axudas xa su publicou, pero aínda non se resolveu, cando se pecha o 31 de decembro. “Se aínda non resolveron estas axudas non sei cando pensan facelo”, afirmou a concelleira popular.