O Grupo Popular lanza a campaña #ascousasdeLara “cunha crítica inspirada na carteleira cinematográfica co foco posto no despropósito da suspensión do sistema ORA afirmando que “ata para Tom Cruise é misión imposible aparcar en Lugo”
O vindeiro martes 31 de xullo cúmprense 3 anos de suspensión da ORA en Lugo sen que a alcaldesa fose capaz de ofrecer unha alternativa seria para os conductores que buscan aparcamento.
O voceiro do Grupo Popular utilizou a carteleira cinematográfica para facer un símil e visualizar a dificultade de atopar aparcamento en Lugo “dende que non hai zona azul ata para Tom Cruise é misión imposible aparcar na nosa cidade” dixo presentando un cartel inspirado nesta saga cinematográfica, que precisamente hoxe estrea no cine a súa sexta entrega, onde apunta que “algunhas misións non se elixen tal e como lles ocorre, con frecuencia, aos lucenses que buscan un lugar para deixar o seu coche na contorna do centro”. “Nós somos os primeiros interesados en poder promocionar o antes posible outra película distinta a esta pero para iso, e a estas alturas, a única solución é que Lara Méndez se vaia”.
Antonio Ameijide insistiu en que “a alcaldesa e o seu equipo non teñen ningún modelo de mobilidade máis aló dos aparcamentos disuasorios que están vendendo a un ano das eleccións para aparentar que traballaron algo neste mandato” lamentando que, a estas alturas, non haxa “nin remodelación do transporte público, nin plan de mobilidade para o casco histórico, nin se aumentou o tamaño das prazas dos parkings públicos”.
O voceiro popular lembrou que “cando o 31 de xullo do ano 2015 Lara Méndez suspendeu o sistema ORA asegurou que en oito meses a cidade contaría de novo cun sistema de rotación de vehículos semellante. “Incumpriu con creces os seus propios prazos”. “Dende aquela pasaron tres anos e o seu pasotismo chega a tal punto que nin tan sequera foi quen de convocar a Comisión Técnica para o Servizo do Sistema ORA que está en stand by dende xaneiro de 2016” engadiu.
Dende o Partido Popular propoñemos dotar a Lugo dun modelo de mobilidade integral cun sistema de aparcamento gratuíto controlado dende o Concello naquelas zonas onde sexa necesario garantir a rotación. Os populares tamén avogan pola retirada “polo menos temporal” das máquinas, “que non teñen ningunha función e que o único que están a facer é ocupar espazo público e, o que é máis grave, inducir á confusión”
A rolda de prensa de hoxe é a primeira entrega da campaña que se denomina #ascousasdelara e coa que o Grupo Popular “pretende visibilizar, cun toque de humor, a incompetencia e ineficacia que provoca a parálise da xestión municipal”.
Antonio Ameijide subliñou que haberá novos capítulos ao longo dos vindeiros meses na que “en clave irónica denunciaremos as meteduras de pata da alcaldesa de Lugo, falaremos de diferentes temas e despropósitos que por mor da parálise da alcaldesa nos están a custar cartos e molestias a todos os lucenses”.
O popular matizou que cada critica virá acompañada dunha proposta en positivo co ánimo de contribuir a mellorar a vida e o funcionamento do concello. #ascousasdelara dá continuidade a campaña anterior de #lugoaexame na que nun serial de vídeos os populares repasaban as principais problemáticas da cidade en diferentes ámbitos.