O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que no Grupo Popular se recibiu onte ás 13:31 horas a copia dun informe que se tiña que achegar cun acta do 26 de marzo de 2018, polo que é “curioso” que desde o goberno socialista tarden cinco meses en facilitar un informe “moi revelador” que acredita que a execución da sentenza do Garañón é competencia exclusiva da delegación municipal de desenvolvemento sostible e persoal, “o que desmonta as mentiras do PSOE”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou que ao Grupo Popular chegou onte ás 13:31 horas a copia dun informe do xefe do servizo de urbanismo que acredita que a execución da sentenza do Garañón corresponde á delegación municipal de desenvolvemento sostible e persoal, polo tanto, “unha competencia exclusivamente municipal”.
Antonio Ameijide explica que ese informe que onte chegou ao Grupo Popular tiña que engadirse a un acta dunha comisión do 26 de marzo de 2018, polo que resulta “cando menos curioso e sospeitoso” que o goberno socialista de Lugo tardara cinco meses en achegar un informe que “certifica” a responsabilidade do Concello de Lugo no derrubamento do Garañón.
O voceiro popular explica que agora Lara Méndez, Daniel Piñeiro e Miguel Fernández terán que “deixarse de poñer escusas” e “derivar competencias á Xunta” xa que en lugar de “perder tanto tempo en inventar unha coartada” o que teñen que facer é “poñerse a traballar” para dar cumprimento á sentenza xudicial que obriga ao Concello de Lugo a derrubar o Garañón.
Co informe recibido onte no Grupo Popular as mentiras do PSOE “son evidentes” e pese a que no último pleno todos os grupos acusaron aos concelleiros do PP de “oportunistas” por solicitar a reprobación de Daniel Piñeiro “é evidente” que a reprobación “non foi un capricho e está máis que xustificada”.
A credibilidade do goberno local está en entredito, sobre todo a de Lara Méndez e Daniel Piñeiro, xa que coñecen o contido deste informe dende hai cinco meses e, pese a iso, “minten descaradamente” a todos os lucenses simplemente para “escorrer o vulto” en lugar de “traballar” para tirar o Garañón e evitar que aumente o custe para todos os lucenses, xa que o importe do lucro cesante e indemnizacións ao promotor aumenta a cada día que pasa sen demoler o edificio e repoñer a legalidade na zona.
Antonio Ameijide sinala que se Lara Méndez segue a defender os intereses persoais dos seus padriños políticos a súa situación “estase poñendo cada vez máis complicada” porque os técnicos municipais certifican a responsabilidade do Concello de Lugo para cumprir unha sentenza de hai un ano e medio. Por iso, o voceiro popular sinala que se a alcaldesa non fai nas próximas semanas o proxecto para derrubar o Garañón e repoñer a legalidade na zona, desde o Grupo Municipal do Partido Popular “poremos” toda a documentación en mans “dos nosos asesores xurídicos” porque seguen a incumprir unha sentenza xudicial.