InfraestruturasZona rural

O PP esixe ao goberno local o arranxo “inmediato” dunha fuga de augas fecais en Porto de Lugo

By 17 Xullo, 2018Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López insta ao goberno municipal a que proceda a “dar unha solución definitiva” aos veciños de Porto de Lugo, na parroquia de Pías, xa que levan varias semanas agardando a que se solucione un problema que se pode ver agravado coa chegada dunha treboada de verán

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denunciou o problema que sofren a diario os veciños de Porto de Lugo, en Pías, onde un colector de saneamento verte ao exterior augas fecais, nunha zona moi próxima a varias vivendas e ao regato que pasa por esta parroquia de Lugo.

Manuel López explica que os veciños da zona levan sufrindo este problema polo menos un mes, polo que insta aos socialistas a “unha solución definitiva”, posto que ademais das molestias que producen aos veciños “falamos dun problema medio ambiental”. Nesa liña, Manuel López explica que na época do ano na que estamos o problema pode ser maior se chega unha tormenta de verán xa que “cunha tromba de auga” o problema pode verse agravado polo que irá a máis “o olor nauseabundo que se desprende e o volume de augas fecais e residuos que contribuirán a que o impacto sexa máis forte”.

O concelleiro popular recordou que a obra do saneamento de Pías “naceu con mal pé” e segundo os acontecementos que vemos a día de hoxe “segue igual”, posto que, tal como lembrou, o Concello de Lugo tardou dous anos e medio en poñer estes servizos en funcionamento dende que recibiu as obras, por importe de 576.430€, o 27 de decembro de 2011 debido a un erro tan elemental como que o goberno municipal esqueceu prever que a rede precisaba unha conexión eléctrica para a súa posta en funcionamento. “No seu día xa necesitaron dous anos e medio para solventar esta cuestión”, explicou Manuel López, que engadíu que non foi ata o verán de 2014 cando puido estar operativa a rede malia que os veciños pagaron preto de 100 euros por engancharse á ela dende febreiro de 2011.

Ademais, un dos cinco pozos que compoñen esta rede de saneamento non entrou en funcionamento a tempo, o que provocou que xa se verteran augas fecais á vía pública, coa conseguinte contaminación e as molestias para os veciños polos fortes cheiros.

Manuel López asegura que “existe un forte malestar na parroquia de Pías, xa que os veciños se senten sistematicamente enganados polo goberno municipal”, ao tempo que criticou que “ou ben o goberno municipal nin sequera se enterou da existencia deste pozo que leva varias semanas vertendo á vía pública ou, o que sería aínda peor, é coñecedor pero non se molesta en darlle solución”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies