#LugoaExameAccesibilidadServizos sociais

O PP lamenta o elevado número de barreiras que aínda limitan a accesibilidade en Lugo

By 21 Marzo, 2018Marzo 22nd, 2018Sin comentarios

A concelleira do Grupo Municipal do PP Mari Teijeiro afirma que os veciños do Sagrado Corazón queren máis traballo e menos promesas incumpridas xa que, despois de 12 anos, seguen agardando a ter un ascensor para solventar un desnivel de 42 escaleiras

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mari Teijeiro, denunciou a desidia do goberno socialista en materia de accesibilidade e sinala que “queda moito por facer” para corrixir as deficiencias que aínda perduran. A concelleira popular realizou un chequeo da cidade e comprobou que hai numerosas barreiras que limitan a accesibilidade da cidadanía polo que convidou aos socialistas a “saír da autocompracencia” e pediulles “máis traballo e menos promesas incumpridas”.

Neste senso, Teijeiro asegura que os veciños do Sagrado Corazón seguen agardando, despois de 12 anos, a ter un ascensor para solventar un desnivel de 42 escaleiras. Segundo a popular, este proxecto “é un exemplo moi gráfico” da parálise que hai no Concello de Lugo, “os socialistas prometen obras que nunca chegan”. Cuestión similar á que viven os veciños os veciños de Fontiñas, que seguen agardando por unha infraestrutura similar.

Mari Teijeiro explica que cada día “todos nos enfrontamos” a situacións cotiás que para unha persoa con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade supoñen “un verdadeiro problema de accesibilidade”. Entre estas situacións, a popular destaca a dificultade de tirar o lixo nos colectores que hai na cidade, “xa que se contan cos dedos dunha mán os que están adaptados para persoas con discapacidade” e lembrou outra promesa incumprida dos socialistas de incluír colectores adaptados para a reposición de colectores inservibles. Os colectores adaptados contan cunha apertura a media altura que facilita ás persoas con discapacidade o depósito de residuos.

Outra das eivas detectadas pola concelleira popular é a ineficacia dos semáforos adaptados para invidentes xa que “non funcionan”. Segundo a concelleira popular cruzar a rúa sen sinais acústicas “é inseguro” para as persoas cegas, pero o peor desta situación é que en “Lugo sí que temos semáforos adaptados para persoas con discapacidade visual e non funcionan”. Incluso, Mari Teijeiro asegura que dar un paseo por algúns barrios da cidade, como A Cheda, Lamas de Prado ou Garabolos implica a necesidade de sortear importantes desniveis que aínda non se corrixiron nas beirarrúas, onde non hai rebaixes ou os que hai son insuficientes para favorecer o desprazamento de persoas con mobilidade reducida.

Mari Teijeiro tamén explica como os adoquíns se converten nunha barreira máis. Os socialistas empeñáronse en empregar adoquíns para pavimentar rúas de Lugo, como Soto Freire ou mesmo a Ronda da Muralla, lugar no que veñen de eliminar estes elementos. A popular recorda que dende “o Grupo Popular xa nos opuxemos hai 15 anos a que colocasen este pavimento polos problemas de accesibilidade que ocasiona. Agora vese como a falta de criterio dos socialistas provoca que o mesmo PSOE, que elixiu e colocou o adoquín, sexa o que o retire para presumir de cidade accesible”.

A concelleira popular afirma que “é necesario un cambio para mellorar a accesibilidade nos diferentes barrios de Lugo”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies