O Grupo Municipal do PP explica que “ante a pasividade do goberno local son os propios veciños das Gándaras os que teñen que combater esta plaga para evitar que os roedores entren nos seus negocios”
O Grupo Municipal do Partido Popular esixe ao goberno local a que “tome cartas nas Gándaras ante o grave risco existente para a saúde pública” por mor dunha plaga de ratas. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, o vicevoceiro, Enrique Rozas, e a concelleira, Mari Teijeiro, visitaron o barrio das Gándaras, onde comprobaron de primeira man as “urxentes necesidades” que hai neste barrio tan senlleiro da cidade. Os populares explicaron que “na visita que realizamos á zona comprobamos as numerosas queixas dos veciños polas molestias e o medo que infunden as ratas, sobre todo, despois de comprobar como os veciños recibiron un alarmante informe dunha empresa contratada por eles mesmos para desratizar o barrio. Nese informe confirrmase o grave risco que poden supoñer os roedores para a saúde dos veciños”.
Os populares aseguraron que “non se pode permitir que pola inacción do goberno local os veciños das Gándaras teñan que sufrir un grave problema de ratas. Son os propios hostaleiros os que teñen que combater esta plaga, xa que á mínima entran nos seus negocios, co grave problema de salubridade que ocasionan os roedores”. Neste senso, o dende o grupo popular explicaron que “a pasividade do goberno de Lara Méndez chega a tal extremo que nin escoitan as reclamacións dos veciños, polo que son eles mesmos os que teñen que tomar medidas xa que o goberno local os ten totalmente esquecidos”.
Pero as ratas non son o único problema ao que teñen que facer fronte nas Gándaras. Nas inmediacións da Residencia da Terceira Idade hai unha serie de colectores do lixo que presentan un aspecto “moi descoidado e insalubre”. Os populares lamentan que “o problema cos colectores do lixo é bastante serio, porque incluso os veciños non se poden achegar con seguridade ao colector para o papel, xa que no seu interior instalouse unha colmea de avespas que impide reciclar o papel con seguridade. Ademais é imprescinbile limpar os propios colectores e os seus arredores”.
Dende o grupo municipal popular tamén comentaron que os problemas de transporte urbano que afectan a outras zonas da cidade tamén chegan ás Gándaras. “É incomprensible que o goberno socialista permita que os usuarios de transporte urbano do barrio teñan que agardar no arcén a que chegue o autobús. Algo tan sinxelo como instalar unha marquesina para que agarden os veciños semella unha tarefa case imposible de realizar cando é un goberno socialista o que está á fronte do Concello de Lugo”.