Coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade os populares súbense ao bus “para demostrar o despropósito das liñas urbanas e fan un traxecto dende o barrio da Ponte que evidencia que os actuais percorridos non se adaptan ás necesidades dos veciños” xa que un “traxecto que a pé se fai en 10 minutos en autobús urbano levounos 35 minutos”, de xeito que un traxecto de 1,4 kilómetros se converten en máis de 12 kilómetros no autobús
O Partido Popular aproveita a celebración da Semana Europea da Mobilidade para denunciar o “despropósito das actuais liñas de autobús urbano de Lugo que ofertan frecuencias, liñas e horarios mal programados”. Para demostrar o mal funcionamento do transporte público os populares subíronse ao bus e comprobaron como “un percorrido de dez minutos a pé se triplica a 35 minutos en bus urbano”. O autobús fixo un rodeo duns 12 quilómetros xa que cruza o río e leva aos usuarios pola Louzaneta ata o cemiterio e a estrada de Portomarín para logo encamiñarse ata o centro.
O voceiro popular Antonio Ameijide sinalou que a parada que se seleccionou é a que dá servizo ao barrio da Ponte e ao balneario “resulta sorprendente que nesta parada non estea sinalizada, nin haxa nin marquesiña, nin información, ao igual que en moitos outros puntos ao longo da cidade.
Os populares advirten que hai máis liñas nunha situación similar e que o goberno local é coñecedor desta problemática polo que critican a Lara Méndez pola súa falta de interese para remodelar os transporte público. Os populares levan anos presentando propostas e solicitando cambios que deben pasar por establecer liñas máis curtas e con máis frecuencias, entre 10 e 15 minutos, para dar cobertura a toda cidade; reforzar os autobuses os fines de semana; adaptar os horarios para centros de ensino, polígonos industriais e administracións, establecer unha tarifa plana a través de bonos semanais, mensuais ou anuais; mellorar as marquesiñas; potenciar o SAE; crear un plano de transporte intuitivo cun código de cores para cada liña e crear unha App con planificador de rutas, entre outras medidas.
Por non falar de que Lara Méndez se segue negando a cumprir o acordo plenario, adoptado trala proposta do Partido Popular no ano 2016, co que se acordou a gratuidade para os menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e persoas con escasos recursos.
Dende o Grupo Popular lamentan a lentitude do Concello en aplicar medidas de mobilidade e o seu desinterese por concienciar e involucrar aos cidadáns na importancia de non empregar o coche para desprazarnos pola cidade.
O voceiro popular pide aos socialistas que “se non teñen” ideas para renovar o sistema de transporte urbano escoiten as propostas da oposición. “Teñen ducias de propostas dende o Partido Popular e que mellorarían a mobilidade en Lugo, pero que a alcaldesa se nega a adoitar”, explicou o popular.
Esas medidas son:
- Regular os aparcadoiros en vía pública
- Crear un aparcadoiro no entorno da ponte vella
- Plan de tráfico no recinto histórico
- Plan de potenciación para motos e bicicletas
- Estudo de tráfico no contorno da Praza de Augas Férreas con prazas de aparcadoiro en batería
- Implantación de rotondas en puntos como Ronda de Fingoi con Alfonso X
- Repintado da sinalización horizontal
- Mellorar a regulación semafórica da cidade e substituíla en puntos como a confluencia da Avenida de Magoi con Campos Novos ou a Avenida de Magoi coa Estrada da Granxa
- Nova regulación semafórica en interseccións coma a de Ángelo Colocci coa Rúa Lavandeira, así como instalar semáforos en ámbar para advertir do perigo de cruces como San Roque, Marina Española, Pena do Rei ou Bai y Gay, Xosé Castiñeira, Ronda das Mercedes e Novo Freire
- Plan integral de protección do peón.