O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide non da crédito “ao total abandono que sofren os veciños de Paulo Favio Máximo” que chega a tal extremo que “perderon un camiño no barrio xa que o goberno socialista leva anos sen desbrozalo”
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo seguen coa análise do estado da cidade e continúan a realizar as visitas aos barrios, nesta ocasión achegáronse ata a Avenida Paulo Fabio Máximo, na contorna do centro comercial As Termas, onde comprobaron o “alarmante estado de abandono” ao que o goberno local ten semetido aos veciños desta zona. O voceiro municipal popular Antonio Ameijide; o vicevoceiro popular Enrique Rozas; e o concelleiro Ángel Trabada comprobaron as necesidades da veciñanza. O voceiro popular explicou que “ao igual que sucede con outras zonas da cidade, semella que os veciños deste barrio non existen para o goberno socialista”.
Dende o Grupo Municipal do Partido Popular fixéronse as xestións oportunas para que as outras administracións con propiedades na zona acondicionasen as súas propiedades. “Unha vez que a Xunta cumpríu agora é o turno do Concello de Lugo”, dixo o voceiro popular.
Antonio Ameijide afirmou que “é urxente que se desbroce nesta zona. A maleza invade as beirarrúas e os veciños teñen que baixar á calzada para poder transitar, co conseguinte perigo de ser arrolados por un vehículo. Pero, por se non fora pouco, hai tramos nos que non se rematou a beirarrúa e os veciños só teñen dúas opcións: pasar polo medio da maleza ou camiñar á beira dos vehículos”.
O voceiro popular tamén criticou que “no plan xeral de ordenación nesta zona aparecen todas as rúas conectadas, pero nos atopamos con que o Concello permita que siga sen pavimentar un área de 163m2, o que supón que non exista unha unión entre dúas rúas polo que se perde un acceso para as zonas de xogo e o supermercado da zona”.
Unha situación problemática á que o goberno local non da solución, pero non é a única traba coa que teñen que convivir os veciños. O voceiro popular asegurou que “o abandono chega a tal punto que nin se recolle o lixo que hai no chan. Con dar un pequeno paseo pode verse a gran cantidade de lixo que hai xa que ninguén se achega ata aquí para retiralo”.
As zonas de xogo para os rapaces son outra das reclamacións da veciñanza. Antonio Ameijide asegurou que entende “que os rapaces non xoguen moito nas zonas habilitadas”. “Só hai que ver os parques infantís, rodeados por maleza e co pavimento de caucho roto, ao igual que noutras zonas da cidade. Ademais, nas pistas de baloncesto e fútbol é preciso mellorar as instalacións xa que as canastras están rotas e na maioría das ocasións os rapaces teñen que apartar o lixo para poder xogar”, dixo Ameijide.
Ademais os veciños explicaron aos concelleiros populares algunha das súas suxestións para mellorar a zona como a instalación dunha zona de skate e patinaxe para os rapaces. Neste senso, o voceiro popular explicou que “o Concello ten solares suficientes neste barrio para crear esta zona de patinaxe, moi demandada polos rapaces, como se pode ver en Frigsa, que sempre ten unha alta ocupación de usuarios, polo que a creación doutra zona de patinaxe permitiría aos rapaces desfrutar da súa paixón sen ter agardar tantos turnos”.
Outra reclamación dos é que o Concello acondicione un camiño que empregan para ir ata o colexio de Albeiros. Este camiño está agora mesmo cheo de maleza e é moi útil para os veciños xa que así se evitan ter que ir ata o colexio polo tramo de Paulo Favio Máximo que non ten beirarrúa.