O voceiro popular Antonio Ameijide afirma que hai antecedentes suficientes de ataques contra o patrimonio, e que se repiten en puntos emblemáticos como a Praza do Campo ou o entorno da Catedral, para reclamar a implantación deste sistema lamentando o acto vandálico contra a fonte de San Vicente rexistrado na madrugada do pasado venres
O Partido Popular propón a instalación de cámaras de videovixilancia no entorno de monumentos de Lugo para evitar atentados contra o patrimonio como o ocorrido o pasado venres na fonte de San Vicente na Praza do Campo.
O voceiro popular reclama á alcaldesa que presente un expediente riguroso diante da Comisión de Garantías da Videovixilancia en Galicia xa que “hai antecedentes, suficientemente graves, que xustifican a necesidade deste sistema neste punto” aludindo “a maiores do suceso do venres, o atentado que sufriu a estatua en decembro de 2016 que a deixou descabezada; ou o suposto atropelo dunha persoa neste punto en xaneiro de 2015”.
Ademais do debate da conveniencia ou non das cámaras no entorno dos monumentos de Lugo, o popular pregunta á alcaldesa se xa iniciou a investigación e identificou aos individuos que se encaramaron á fonte de San Vicente e que están documentados cun vídeo no que se ve aos vándalos subidos á peza escultórica. Os populares tamén esixen que se aplique a lei con todas as súas consecuencias sobre os vándalos, e reclaman que se supervise se houbo desperfectos na fonte tras este suceso.
O Partido Popular lembra que a fonte de San Vicente é un elemento arquitectónico que “constitúe un dos principais reclamos turísticos da cidade”. Antonio Ameijide indicou que Lugo presume deste conxunto artístico-histórico nas diferentes publicacións e guías que se editan dende diferentes institucións matizando que “é un elemento que o goberno local debe protexer polo incalculable valor que ten, non só arquitectónico senón tamén sentimental, xa que está situado nunha das prazas máis emblemáticas do casco histórico”.
Dentro da iniciativa que se presentará a pleno o popular tamén suxire “que se estude a implantación da videovixilancia noutras localizacións estratéxicas e en edificios públicos para garantir a seguridade dos cidadáns e do patrimonio tal e como se fai noutras capitais europeas”.
O voceiro popular Antonio Ameijide indicou que outro punto que precisa a cobertura do sistema de videovixilancia é o CEAO que, leva anos, coas cámaras desconectadas porque o goberno local non foi quen “de conseguir tramitar a autorización xa que, no seu día, presentou un expediente chapuceiro e falto de rigor”. Nese senso, os populares “reclaman que se tomen en serio a seguridade desta zona e que presenten de novo a solicitude para reactivar este sistema e garantir a seguridade nesta zona industrial”.