O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide pide ao goberno socialista de Lugo que “tome conciencia do problema” e estude todas as posibilidades para “garantir a seguridade dos lucenses”
O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo esixe ao equipo de goberno do Concello de Lugo que tome conciencia da situación que se dá na confluencia das rúas Santiago, Ronda do Carme e República Arxentina e tome as medidas oportunas “para garantir a seguridade” dos peóns e dos condutores. O voceiro municipal do Partido Popular Antonio Ameijide explicou que “nos desplazamos ata aquí para escoitar in situ as queixas dos veciños e constatamos que as queixas dos veciños teñen moito fundamento, xa que hai un problema serio no que a seguridade se refire”.
Antonio Ameijide explicou que hai un tramo no que a beirarrúa “é moi complicado de ver para os condutores que circulan por República Arxentina hacia a Ronda do Carme e xa se deron situacións nas que algún vehículo pasou por enriba da beirarrúa poñendo en risco aos peóns”. Por iso, o voceiro popular pide ao goberno socialista que estude a situación e “coloquen barandas ou algún elemento que protexa aos viandantes e permite identificar aos condutores que diante teñen unha beirarrúa”. Isto é unha demanda que os propios veciños xa presentaron á alcaldesa de Lugo, tal e como eles mesmos confirmaron, pero, ata o de agora, o silencio é a única resposta que obtiveron.
Neste senso, Ameijide indica que habería que realizar un estudo para redeseñar a circulación do tráfico ou estudar a posibilidade de colocar elementos para reducir a velocidade nese paso de peóns “xa que nesta zona pasan a gran velocidade e xa se teñen producido accidentes”.
Os veciños da zona tamén trasladaron ao Grupo Popular as súas queixas polo estado da beirarrúa que une a zona co parque Marcos Cela. “Comprobamos como a beirarrúa está completamente rota, realmente remata nun talud, dificultando o acceso ao paso de peóns máis próximo. Non podemos permitir que isto siga así, polo que pediremos ao goberno local que remate a beirarrúa para que os cidadáns poidan camiñar con tranquilidade”, explicou Ameijide.
Outro dos problemas deste cruce son os pasos de peóns, “moi longos e con pouco tempo para cruzar”. O voceiro popular explica que “puidemos comprobar como o semáforo que cruza dende a rúa Santiago ata a Ronda do Carme non ten suficiente tempo como para cruzar con seguridade. Ten dous tramos para pasar e ambos son inferiores a 20 segundos, un tempo insuficiente incluso para cruzar en cada tramo de xeito independiente”.
Ademais, outro dos pasos de peóns desta intersección atópase actualmente sen ningún elemento que o regule “polo que os cidadáns expóñense a sufrir algún atropelo”. Trátase dun paso de peóns moi longo no que os vehículos veñen dende a Ronda do Carme ou dende a Rúa Santiago e no que os peóns “teñen un risco elevado de sufrir un atropelo xa que non hai ningún elemento que advirta aos condutores da súa presenza e tampouco hai zonas de espera para os peóns aos que non lles da tempo de cruzar”.
Por iso, Antonio Ameijide pide ao goberno socialista de Lugo que “tome conciencia do problema e pense nos peóns” e estude todas as posibilidades para “garantir a seguridade dos lucenses”.