Tráfico

O PP pide aos socialistas a creación dunha rotonda na rúa Santo Grial para corrixir os problemas de tráfico na Piringalla

By 20 Setembro, 2017Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Antonio Ameijide, explica que “ás horas de entrada e saída” dos centros educativos o incremento no volume de tráfico que se xera no barrio provoca “grandes atascos”

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular seguen coa súa ronda de visitas polos barrios de Lugo para testar o estado da cidade e, nesta ocasión, achegáronse ata o barrio da Piringalla. Alí, o voceiro municipal, Antonio Ameijide, e o vicevoceiro, Enrique Rozas, atenderon aos veciños, que lles amosaron as principais eivas que hai no barrio, sendo o caos circulatorio que hai na rúa Santo Grial o principal problema.

Antonio Ameijide insta ao goberno socialista a que se decida a “tomar cartas” no problema de tráfico de Santo Grial e estude a posibilidade de “instalar unha rotonda” para facilitar a fluidez do tráfico, xa que “nas horas de maior volume circulatorio é complicado saber quen ten preferencia xa que as marcas viais non se ven” polo que hai un risco real de accidentes e colisións constantes. Esta é unha vella petición dos veciños que ven nesta dotación “unha mellora indispensable” para a seguridade no barrio, xa que ademais obrigaría a reducir a velocidade aos condutores e evitaría as carreiras ilegais que xa se teñen denunciado polas rúas do barrio da Piringalla.

Durante a visita ao barrio outra das peticións dos veciños foi “a obra do Escorial” na que se converteu a biblioteca da Piringalla. O voceiro popular lamentou “a desconsideración dos socialistas cos veciños, xa que a alcaldesa non dixo nada con esta dotación que leva máis de dous anos abandonada. Non comprendemos como puideron adicar unha partida orzamentaria para mercar libros para equipar un edificio que so é un esqueleto de ferro e que agora mesmo supón un perigo real para os cidadáns” xa que o valado exterior que pecha o acceso a esta obra non cumpre co seu cometido xa que está aberto, permitindo así o paso a calquer persoa.

Outra acción que se podería desenvolver no barrio sería a de “acondicionar” un solar municipal na rúa Poeta Manuel María. Antonio Ameijide sinala que “actualmente os veciños xa empregan este solar para aparcar os seus coches, pero cun pouco de visión e vontade política podería acondicionarse para non danar os vehículos e colocar uns bancos e unha fonte” para que os veciños poidan descansar, xa que o parque da praza Viana do Castelo comeza a “quedarse pequeno” para dar cabida a tantos nenos que xogan nel e aos maiores que pasean ou quedan nese punto para conversar. Pero esta proposta non debería de rematar aquí xa que sería convinte extendela ao resto de solares municipais que hai no barrio.

Tamén sería convinte que se amañara a rede do campo de fútbol do barrio para evitar que os balóns saian disparados á rúa e poidan provocar danos a peóns e vehículos, ademais de mellorar a limpeza da contorna do campo, chea de lixo, e de realizar unha revisión e mellora das canastras que hai no barrio para xogar ao baloncesto.

Antonio Ameijide tamén recorda que no ano 2016 o Grupo Popular xa levou a pleno unha proposta, que se aprobou por unanimidade, para mellorar a seguridade viaria en varios cruces perigosos da cidade, entre os que se atopaba o da rúa Santo Grial. “Agora que estamos na semana da mobilidade cómpre recordar que xa hai máis de ano e medio que levamos unha proposta semallante ao pleno e dende o goberno local non fixeron nada para solucionar o problema da mobilidade en Lugo. Algo que, tristemente, non sorprende xa que o non facer é ao que nos ten acostumado o equipo de Lara Méndez”, finalizou o popular.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies