PersoalTransparencia

O PP pide a comparecencia do Director Xeral de Recursos Humanos para explicar o descontrol existente en materia de persoal

By 1 Outubro, 2018Outubro 2nd, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que dende que o novo Director Xeral de Recursos Humanos tomou posesión do seu cargo hai cinco meses non se desbloqueo a nova RPT nin se avanzou na convocatoria das prazas das OEP dos anos 2015, 2016 e 2017, nin se comezou co control horario nin coa conciliación laboral, “motivos máis que suficientes” para pedir explicacións en comisión

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia a “ineficacia” do Director Xeral de Recursos Humanos do Concello de Lugo, un “posto político” nomeado por Lara Méndez, que “non fixo nada” nos cinco meses que leva no cargo, este cargo creouse hai case dous anos e medio e os lucenses xa pagaron 126.000€ sen que solucionasen ningún problema.

Antonio Ameijide explica que dende que se nomeou a Emilio Martínez como Director Xeral de Recursos Humanos, o 2 de maio en xunta de goberno local, nada mudou no Concello de Lugo, a situación “segue igual ou peor” xa que non se desbloqueou a RPT e non se convocaron prazas das OEP dos anos 2015, 2016 e 2017.

O voceiro popular destaca outra das grandes eivas do Director Xeral de Recursos Humanos no exercicio do seu cargo xa que tampouco deu cumprimento á promesa que fixera no ano 2016 o edil de Persoal, Daniel Piñeiro, de implantar no Concello de Lugo medidas para favorecer a conciliación laboral e establecer medidas para o control horario, a pesar de que recoñecer que o sistema está testado.

Pero, para Antonio Ameijide, “a gota que colmou o vaso” foron as declaracións realizadas polo Director Xeral de Recursos Humanos esta fin de semana a un medio de comunicación, onde aseguraba que non xestiona para beneficio dos traballadores e que cre máis produtivo pagar extras que contratar substitutos. Para o popular “queda clara” cal é a política do PSOE e do seus “comisarios políticos”, desmantelar o Concello, barra libre de horas extraordinarias e privatizar o que poidan.

Segundo Antonio Ameijide hai unha “clara ausencia de xestión” que se ve reflectida en que o Concello de Lugo carece, actualmente, de secretario e interventor e tesoureira coa habilitación nacional correspondente, xefes de servizo vacantes, algunha dende hai anos, como arquitectura, cultura, parque móbil, bombeiros, director da banda… por non falar do desmantelamento de servizos, como o de augas ou electromecánicos.

O popular asegura que “non podemos permitir” que unha persoa que ocupa un cargo que nos custa 5.000 euros cada mes a todos os lucenses diga que é máis produtivo pagar horas extraordinarias que crear novos postos de calidade para dar un servizo correcto ao cidadán. Por iso, Antonio Ameijide anunciou que “hai motivos máis que suficientes” para esixir a comparecencia do Director Xeral de Recursos Humanos en comisión, onde terá que dar “as explicacións oportunas”. Ademais, o popular engade que se as explicacións “non son convincentes” será un motivo máis que suficiente para para pedir o seu cesamento neste cargo, xa anulado polo pleno.

O voceiro popular recorda que o posto de Director Xeral de Recursos Humanos é un posto anulado polo pleno municipal que Lara Méndez segue a manter polo que a rexedora podería estar incorrendo nun posible delito de prevariación e noutro de posible malversación, e será a xustiza a que ditamine a posible responsabilidade da alcaldesa xa que toda a documentación está en mans da xustiza.

Antonio Ameijide afirma tamén que Lara Méndez segue sen respostar á oferta do Grupo Popular para que leve ao vindeiro pleno ordinario, ou pola contra que o faga nun pleno extraordinario, o pagamento das horas extraordinarias que o equipo de goberno adebeda aos funcionarios, a modificación do Regulamento Interno de Persoal para equiparar o valor das horas extraordinarias e igualar o número de horas extraordinarioas que o persoal laboral e os funcionarios poden realizar ao ano, xa que, en lugar da “barra libre” que propón Lara Méndez, o Grupo Popular propón limitar o número de horas extraordinarias a 80 ao ano.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies