O voceiro municipal popular Antonio Ameijide afirmou que representantes do Grupo Municipal e Provincial e da Xunta Local mantiveron un encontro do membros de clubs e asociacións deportivas para coñecer de primeira man as necesidades do deporte base da cidade, xuntanzas que se manterán de xeito periódico
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explicou que o Grupo Popular levará a pleno unha moción para debater a necesidade de implantar no Concello de Lugo unha ordenanza destinada a regular o uso das instalacións deportivas municipais por parte dos diferentes clubs e asociacións deportivas.
Antonio Ameijide explica que dende o Grupo Municipal do Partido Popular “mantivemos” unha xuntanza con representantes de clubs e asociacións deportivas “para escoitar o sentir” das persoas que cada día “loitan” por que o deporte de base sexa unha realidade e que centos de nenos cada día poidan practicar o deporte que máis lles gusta, unha xuntanza na que tamén estiveron presentes a voceira provincial e presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, e o presidente local do Partido Popular, Ramón Carballo, ademais de outros concelleiros e representantes do Partido Popular.
Durante este encontro, os representantes dos clubs explicaron as súas necesidades e puntos de vista, pero todos, a pesar das diferenzas existentes entre cada deporte, coincidiron en tres puntos: a necesidade de crear unha ordenanza para regular o uso das instalacións municipais, dotar á cidade de máis instalacións deportivas e cobrar puntualmente as subvencións municipais.
Sobre a necesidade de crear unha ordenanza para regular o uso das diferentes instalacións municipais, os clubs piden que se regulen os requisitos precisos para acceder ao uso destas instalacións, sobre todo, para “saber con certeza e con tempo suficiente” se poderán dispor das instalacións para a seguinte temporada e así “poder planificar o traballo a realizar cos pequenos”.
Unido a este punto vén a creación de novas instalacións deportivas na cidade para dar cabida a todos os clubs e que así “non exista a incerteza” que a día de hoxe viven a maior parte deles. “Coa cantidade de nenos e nenas que en Lugo practican deporte cada día é preciso regular o uso das instalacións municipais, pero tamén, crear algunha nova dotación porque as existentes en Lugo xa se quedan pequenas para dar cabida a todos os pequenos e pequenas que desfrutan do deporte”, explicou Ameijide.
E outro punto relevante que se puxo na xuntanza sobre a mesa foi a dilación, de varios meses en moitos casos, á hora de cobrar as subvencións municipais. Non hai que esquecer que todos os clubs e asociacións deportivas de base non teñen ánimo de lucro, polo que estas achegas son fundamentais para que “poidan desenvolver” a súa actividade diaria e acometer a compra de material.
Antonio Ameijide tamén quixo “agradecer publicamente” as suxestións realizadas por cada club e asociación “xa que son eles os únicos que coñecen á perfección a realidade que teñen que vivir polo que sen a súa axuda non poderíamos realizar este tipo de peticións para tentar mellorar o seu día a día”, ademais de confirmar que este tipo de xuntanzas se manterán de xeito periódico para avanzar na mellora da actividade deportiva en Lugo.