O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide pide aos socialistas “máis estritos e ambiciosos” na ordenanza de civismo para evitar que as persoas que exercen a actividade de aparcacoches poidan atopar “vías de escape” e así seguir actuando ao marxe da lei
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, presentou varias alegacións á ordenanza de civismo na comisión celebrada esta mañá. Ameijide pediu que se inclúa a figura do colaborador necesario no referente aos gorrillas “xa que pode darse o caso de que as persoas que exerzan a actividade de aparcacoches trasladen a outra persoa ou persoas os froitos obtidos desta actividade” para evitar que os axentes da autoridade poidan intervir os mesmos, tal e como se recolle no borrador da ordenanza.
O voceiro popular afirmou que coa redacción desta ordenanza por fin se da cumprimento a un acordo plenario de outubro de 2013, tomado a instancias do PP, polo que o Concello de Lugo debería crear unha ordenanza e un plan específicos para erradicar esta actividade. “No seu momento pedimos unha ferramenta para darlle cobertura legal aos policías locais para que puideran perseguir esta actividade. Agora o que fixemos con esta alegación foi pedir que se poña coto total a esta actividade”, explicou o popular.
Ademais, Antonio Ameijide afirmou que “o problema en Lugo foi que se chegou a un punto insostible”, tanto para os usuarios do hospital que “se senten coaccionados, ameazados e extorsionados” como para os propios veciños de Galegos que tiveron que expulsar a estas persoas das proximidades das súas casas, do seu campo da festa e do seu local social.
Ademais, o voceiro popular levou a esta comisión outras propostas para mellorar a redacción desta ordenanza.
- Clarexar o ámbito de actuación da ordenanza: No artigo 4.1 especifícase que a ordenanza será de aplicación para todas as persoas que se atopen no termo municipal de Lugo, mentres que no artigo 4.4 dise que a ordenanza non será de aplicación nos actos organizados, coorganizados ou que conten coa colaboración do concello de Lugo con motivo de festas ou eventos. É evidente que non ten sentido que a ordenanza perda vixencia durante festas como o San Froilán ou o Arde Lucus, entre outras, datas nas que a cidade énchese de turistas e a cidade multiplica a súa poboación.
- Réxime de sancións no referente a grafitos: Dende o Grupo Popular considérase que ademais da sanción económica, sería bo que se engadira que a persoa sancionada neste apartado tería que repoñer eles mesmos a situación orixinal a zona na que realizou o grafito ou abonar os gastos desta acción.
- Propaganda establecementos de hostalería: Trocar a redacción e prohibir a colocación dos mesmos se obstaculizan o paso de persoas e non conten con autorización municipal. Pedimos que se estude a posibilidade de que para colocar estes elementos se pida autorización.
- Prohibición de tender a roupa: Suprimir este punto xa que o Concello non pode prohibir que os cidadáns tendan a roupa dentro da súa vivenda nin esixir que, para iso, precisen o pertinente permiso municipal.
- Regulación da prostitución en vivendas particulares: No artigo 42.6 tipifícase como responsables da utilización de vivendas particulares para o exercicio da prostitución ao propietario, arrendador ou encargado e subsidiariamente á persoa que teña acceso á vivenda. Segundo a lexislación vixente o propietario non pode fiscalizar a actividade da persoa ou persoas ás que lle arrenda a súa vivenda. Pedimos que se reforme este artigo para que só se considere responsable ao propietario, arrendador ou encargado da vivenda na que se exerza a prostitución sempre que se demostre que ten coñecemento desa actividade e presta o seu consentimento, xa que non se pode culpar a ningún propietario ou persoa que alugue a súa vivenda nin sancionalo con multas de ata 3.000€ porque el non pode coñecer as actividades que alí se exercen.
- Celebración de vitorias deportivas nas fontes públicas: No artigo 53.g prohíbese practicar xogos ou introducirse nas fontes decorativas, incluso en celebracións especiais, a non ser que se teña o preceptivo permiso. Estamos de acordo en que hai que preservar a integridade das propiedades municipais, algo que xa regular por lei, pero hai determinadas vitorias (como poden ser as da selección española ou de equipos a nivel nacional) nas que a cidadanía sae ás rúas a festexar e acoden ás fontes públicas, polo que non queda claro quen ten que pedir permiso para poder empregar as mesmas para a celebración, polo que entendemos que hai que precisar máis a redacción ou concretar máis supostos puntuais.
- Redución da sanción da multa: No artigo 85 especifícase un prazo de 20 días para acollerse ao pago voluntario con redución da multa, pero non se especifica a redución, polo que pedimos que se clarexe a porcentaxe na que se reduce a multa, que entendemos tería que ser do 50% ao igual que no caso das multas de tráfico.