PersoalTransparencia

O PP segue ao lado dos traballadores municipais ante a “mala fe” de Lara Méndez, que encargou horas extra sabendo que non as ía pagar

By 30 Outubro, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide recorda que o equipo de Lara Méndez pretende deixar sen pagar horas extraordinarias, realizadas polos traballadores municipais, a pesar de que foi o propio equipo de goberno quen as ordenou realizar, e incluso as chegou a decretar, como no San Froilán, pese a ser conscientes de que incumprían o Regulamento interno de Persoal

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, e o concelleiro popular, Manuel López, mantiveron esta mañá unha xuntanza cos representantes sindicais de todos os traballadores do Concello de Lugo na procura dunha solución de consenso para os problemas de persoal, que son moitos, que nas últimas semanas se fixeron máis notorios, se cabe, no ámbito municipal.

Antonio Ameijide asegurou que se tratou dunha xuntanza de traballo “moi satisfactoria” na que quedou patente “a desfeita” que os gobernos socialistas provocaron na organización do persoal municipal durante os últimos 19 anos.

O voceiro popular constatou o malestar existente entre os traballadores ante o impago das horas extraordinarias. “O traballo feito e ordenado hai que pagalo integramente”, medida defendida desde o Partido Popular, polo que se insta ao goberno local a explorar todas as vías legais para pagalas e, se non pode ser, que as pague do seu propio peto quen ordenou realizar esas horas extraordinarias.

Antonio Ameijide fala incluso de “mala fe” xa que se ordenan facer horas extraordinarias a pesar de que o goberno local sabía que non as podía pagar. Incluso, hai casos, como sucedeu cos axentes da Policía Local, aos que Lara Méndez ordenou realizar, mediante decreto, horas extra que non lles podía pagar.

O voceiro popular anunciou que pedirán catro informes xurídicos sobre as diferentes opcións para poder pagar as horas extraordinarias autorizadas, ordenadas ou decretadas polo equipo de goberno incumprindo o Regulamento Interno de Persoal e outras normativas de aplicación. Estes informes se pedirán a catro departamentos municipais:

  • Ao secretario do pleno
  • Á vicesecretaria municipal xa que é a persoa que vela pola legalidade dos acordos da xunta de goberno local, órgano no que se aprobaron moitos destes servizos
  • Ao asesor xurídico, representante do Concello en asuntos xudiciais
  • Ao interventor municipal, responsable da contabilidade municipal

Outra das demandas dos representantes dos traballadores é implantar “de xeito inmediato” o control horario en todas as instalacións municipais. Para iso, o Grupo Popular levará a pleno unha iniciativa, consensuada cos representantes dos traballadores, que “agardamos” teña o respaldo de todos os grupos xa que “é unha demanda dos propios traballadores”.

O popular asegura que esixirá de novo a Lara Méndez que leve ao pleno a reforma do Regulamento Interno de Persoal, para abordar a equiparación das condicións de todos os traballadores no que atinxe ao número máximo de horas extraordinarias que poden realizar como no valor da hora extraordinaria.

Antonio Ameijide recorda o desmantelamento dos diferentes servizos municipais levado a cabo polos gobernos socialistas, polo que é urxente que se cubran as vacantes que hai nos diferentes departamentos a través da execución das Ofertas de Emprego Público dos anos 2015, 2016 e 2017, sendo “prioritaria” a execución das prazas ofertadas no ano 2015 xa que se non se executan nos vindeiros dous meses se poderían perder os 32 postos de traballo anunciados.

Neste eido, o popular acusa aos socialistas de “falta alarmante de previsión” e puxo como exemplo o corpo de bombeiros. Ameijide explica que agora hai 38 bombeiros no Concello de Lugo. A alcaldesa anunciou a convocatoria de 12 prazas, “un dato que non é real”, xa que seis destes postos están cubertos actualmente por interinos. A isto se engade que o ano próximo xubílanse cinco bombeiros, polo que o plantel só medrará nun traballador. A isto se engade a situación da Policía Local que, de entrar en vigor a xubilación anticipada que se está a negociar co Goberno central, provocaría a xubilación inmediata duns 30 axentes no ano 2019.

Unha situación que non mellora a nivel xeral no Concello de Lugo xa que o 45% do plantel ten 55 ou máis anos, polo que en menos de 10 anos o número de efectivos municipais sufrirá unha importante redución, polo que “urxe” tomar medidas de planificación para renovar e reforzar o Concello.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies