O voceiro popular Antonio Ameijide presentou hoxe unha moción de urxencia, para debatir no pleno ordinario que se celebrará mañá, para que “se designe o delegado de protección de datos do Concello de Lugo, unha figura que debe velar para que se garanta o uso de información sensible que a administración local ten dos cidadáns”.
O Grupo Municipal do Partido Popular urxe á alcaldesa de Lugo para que convoque unha xunta de voceiros na que se consensúe a designación do delegado de protección de datos da administración local. O voceiro dos Populares apremia a que se tome esta decisión xa que o vindeiro 25 de maio se empezará a aplicar unha nova normativa europea relativa ao tratamento de datos.
Antonio Ameijide criticou a desidia dos socialistas que “deixaron durante dous anos de lado os trámites para adaptarse a esta norma desoíndo as indicacións dos funcionarios” en alusión a que este Regulamento Xeral de Protección de Datos entrou en vigor o 25 de maio de 2016. “Non fixeron absolutamente nada, non están ao que teñen que estar”, sentenciou.
O voceiro popular, co ánimo de conseguir coa maior celeridade posible axustarse a esta normativa, levará ao pleno de mañá unha moción de urxencia para acadar un acordo de toda a corporación. “Pensamos que dado o carácter e a sensibilidade da información que se manexa dende o Concello a alcaldesa debería facer un maior esforzo por preservar e garantir o trato correcto dos datos que hai dos cidadáns”.
Ameijide lamenta que, como sempre, o goberno de Lara Méndez deixa todo para última hora recalcando que “hai un desinterese manifesto e unha falta de xestión absoluta que afecta a cuestións de toda índole”.
Os populares explican que o delegado de protección de datos “podería ser un funcionario ou ben unha empresa externa” de aí que reclamen unha xuntanza para valorar o sistema que máis beneficie ao Concello.
Dende o Grupo Popular indican que hai antecedentes, no ano 2010, de apercibimento ao Concello de Lugo por parte da Agencia Española de Protección de Datos “por dar a calada por resposta” a unha petición dun funcionario que solicitou a cancelación de datos persoais.