O Grupo Popular conseguiu que se aprobara (cos votos a favor de Lugonovo, BNG, Cidadáns e ACE-Eu e o voto en contra do PSOE) a proposta para poñer en marcha na cidade un sistema gratuíto de rotación do aparcamento e a creación de novas bolsas de aparcamento nas zonas con maiores problemas de tráfico.
O estacionamento de vehículos na nosa cidade, debido á falta de aparcadoiro, converteuse nun problema nos últimos anos, agravado coa retirada do sistema ORA. Esta situación está a provocar que o tráfico rodado sexa pouco fluído, e que os atascos de vehículos sexan unha constante, debido á ausencia de lugares habilitados para estacionar vehículos, especialmente nas horas punta, provocando molestias aos cidadás e prexuízos económicos aos comerciantes e negocios da nosa cidade.
A proliferación de vehículos particulares, unido á ausencia de prazas de parking, esixe a adopción de medidas efectivas, nese sentido, a implantación dun sistema de rotación de aparcadoiro gratuíto, resulta imprescindible, especialmente naquelas zonas da cidade, onde atopar unha praza para estacionar o vehículo é unha ardua tarefa como pode ser, entre outras, na contorna do centro histórico, barrio da Milagrosa, A Residencia, A Ponte, avenida das Fontiñas ou nas rúas Montero Ríos, Monforte, Ourense e Augas Férreas. Este modelo de xestión ten que ser municipal, a través de traballadores municipais, e poderíase levar a cabo empregando un vehículo lector de matrículas, mediante o uso de discos horarios, ou outro modelo similar, coa finalidade de obrigar a rotar os vehículos nestas zonas da cidade.
De igual forma, é preciso crear bolsas de aparcadoiro, tanto en solares públicos como privados,ben sexa acondicionando parcelas públicas ou mediante convenios cos propietarios de solares sen uso, bonificando fiscalmente e garantindo os dereitos dos propietarios, coa finalidade de aumentar o número de prazas para o estacionamento de vehículos.
Por todo iso, o Grupo Municipal Popular que subscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
1. Instar ao equipo de goberno a implantar un sistema de rotación de aparcamento gratuíto en diferentes zonas da cidade, xestionado polo Concello.
2. Instar ao equipo de goberno a crear bolsas de aparcamentos na cidade, usando terreos municipais, e nos lugares onde non os haxa, estudar a posibilidade de asinar convenios cos propietarios podendo establecer bonificacións fiscais.