ProposiciónSeguridade

PSOE, Lugonovo, Cidadáns, BNG e Ace-EU rexeitan escoitar o clamor popular que solicita a permanencia da prisión permanente revisable

By 25 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O Grupo Popular lamenta a postura tomada no pleno de hoxe por PSOE, Lugonovo, BNG, Cidadáns, e Ace-Eu que rexeitaron escoitar o clamor popular que pide a permanencia da prisión permanente revisable no Código Penal.
A Lei Orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, que entrou en vigor o 1 de xullo de 2015, introduciu na nosa lexislación a prisión permanente revisable.

Trátase dun instrumento que existe en moitos países da nosa contorna, en gobernos de todo tipo de corte político; é unha institución coherente, que se incorpora ben ao noso modelo de garantías e ten perfecto encaixe penal.

A prisión permanente revisable, sinálao claramente a Exposición de Motivos desta Lei, non renuncia á reinserción do penado, pois unha vez cumprida unha parte mínima da condena, “un Tribunal deberá valorar novamente as circunstancias do penado e do delito cometido e poderá revisar a súa situación persoal”.

A previsión desta revisión xudicial periódica da situación persoal do penado, idónea para poder verificar en cada caso o necesario prognóstico favorable de reinserción social, di a Exposición de Motivos, “afasta toda dúbida de inhumanidade desta pena, ao garantir un horizonte de liberdade para o condenado”. Unha vez cumprido o tempo mínimo da pena, “se o Tribunal considera que non concorren os requisitos necesarios para que o penado poida recuperar a liberdade, fixarase un prazo para levar a cabo unha nova revisión da súa situación; e se, pola contra, o Tribunal valora que cumpre os requisitos necesarios para quedar en liberdade, establecerase un prazo de liberdade condicional no que se impoñerán condicións e medidas de control orientadas tanto a garantir a seguridade da sociedade, como a asistir ao penado nesta fase final da súa reinserción social”.

Engade a Exposición de Motivos que “a pena de prisión permanente revisable non constitúe, por iso, unha sorte de «pena definitiva» na que o Estado se desentende do penado. Ao contrario, trátase dunha institución que compatibiliza a existencia dunha resposta penal axustada á gravidade da culpabilidade, coa finalidade de reeducación á que debe ser orientada a execución das penas de prisión”.

Igualmente sinala que “se trata, en realidade, dun modelo estendido no Dereito comparado europeo que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos considerou axustado á Convención Europea de Dereitos Humanos, pois declarou que cando a lei nacional ofrece a posibilidade de revisión da condena de duración indeterminada con vistas á súa conmutación, remisión, terminación ou liberdade condicional do penado, isto é suficiente para dar satisfacción ao artigo 3 do Convenio ( cfr. SSTEDH 12-2-2008, caso Kafkaris vs. Chipre; 3-11-2009, caso Meixner vs. Alemaña; 13-11-2014, caso caso Affaire Bodein vs. Francia; 3-2-2015, caso Hutchinson vs. Reino Unido)”.

A pesar de todo iso, varios grupos parlamentarios presentaron recurso de inconstitucionalidade, recurso que o Tribunal Constitucional admitiu a trámite en xullo de 2015. A admisión a trámite non supón pronunciamento algún sobre o fondo do asunto, aínda que algúns pretenden a derrogación desta medida sen esperar o pronunciamento do Tribunal Constitucional.

Así, o 4 de outubro de 2016 o Pleno do Congreso dos Deputados debateu e aprobou por maioría dos Grupos Parlamentarios Vasco ( EAJ-PNV), Socialista, Esquerra Republicana, Confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, Mixto e a abstención de Cidadáns, e só co voto en contra do Grupo Parlamentario Popular, a Proposición non de Lei para a Derrogación da Pena de Prisión Permanente Revisable.

E máis recentemente, o pasado 10 de novembro, foi admitida a trámite unha Proposición de Lei de Modificación da L.O. 10/1995 do Código penal (Orgánica), que pretende derrogar a prisión permanente revisable e que contou co único voto en contra do Grupo Popular.

Tras estes feitos e actuacións, son multitude os cidadáns que manifestaron o seu apoio á pena de prisión permanente revisable como medio para garantir a seguridade, os dereitos e liberdades de todos os españois.

Por todo elo o Grupo Municipal Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:

PRIMEIRO.- Apoiar á figura da prisión permanente revisable incorporada ao ordenamento xurídico español pola Lei Orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal.

SEGUNDO.- Instar aos diferentes Grupos Parlamentarios con representación no Congreso dos Deputados a que reconsideren a súa postura sobre a derrogación da prisión permanente revisable.

TERCEIRO.- Dar traslado destes acordos ao Ministro de Xustiza, aos Grupos Políticos do Congreso, Senado e do Parlamento de Galicia e á Xunta de Goberno da FEMP.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies