Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular acadan o apoio da corporación para reconstruir o caneiro de O Muíño e así evitar que o nivel da auga do río se atope baixo mínimos neste punto, impedindo a práctica de actividades deportivas e de ocio ligadas ao río
O Partido Popular avoga por un transporte público de calidade e pola mellora das infraestruturas que faciliten a mobilidade das persoas. Neste contexto, o ferrocarril é unha das posibilidades idóneas para garantir o dereito irrenunciable que teñen os cidadáns á mobilidade por, entre outros motivos, seguridade, comodidade, sustentabilidade ambiental, redución do tránsito de vehículos nas estradas e vertebración territorial.
Para garantir os servizos e a competitividade dos territorios, é preciso que os cidadáns teñan á súa disposición un transporte ferroviario de calidade. Iso supón que poidan dispoñer dunha oferta acorde coas súas necesidades, tanto no que respecta ás características dos trens, como a itinerarios, tempos de viaxe e frecuencias.
Estes requisitos, lamentablemente, non se están a cumprir na nosa Comunidade Autónoma, que nos últimos anos vén sendo obxecto dunha continua redución e supresión de servizos por parte do Goberno central presidido polo Partido Socialista. Esta precaria situación do transporte ferroviario en Galicia é máis extrema, se cabe, na Zona Sur da provincia de Lugo, onde Monforte de Lemos, que fora un dos nós ferroviarios de relevancia e referencia nacional, acabouse convertendo pouco máis que nun apeadeiro.
Esta xa de por si precaria situación viuse agravada, neste últimos meses, como é ben sabido, polo contexto sanitario e a declaración do estado de alarma por mor da pandemia da covid-19, que limitou ostensiblemente a mobilidade das persoas. Unha consecuencia desta situación extrema, no que ao transporte ferroviario se refire, foi a drástica redución e mesmo supresión de servizos que agora, pese a restablecerse o dereito á mobilidade dos cidadáns, non se repuxeron por parte do Goberno central. Máis ben ao contrario, semella que Renfe, coa necesaria conivencia do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA), pretende darlle valor de normalidade á excepcionalidade derivada da covid-19. Así, constatamos con fonda preocupación, como o deterioro e a merma dos servizos ferroviarios se mantén co conseguinte agravio para os galegos, en xeral, pero con especial prexuízo para os habitantes da Zona Sur da provincia de Lugo.
De feito, dos 29 trens suprimidos por Renfe en Galicia, 22 afectan directamente á estación de Monforte de Lemos.
Desde o Grupo Municipal do Partido Popular entendemos que, de ningunha maneira, a situación xerada pola covid-19 pode ser utilizada como escusa polo Goberno presidido polo Partido Socialista para eliminar servizos ferroviarios na nosa Comunidade e privar aos galegos dun servizo público esencial. Tendo en conta, ademais, os graves prexuízos que supón a para a economía local dunha comarca e dunha zona, a Ribeira Sacra, que está traballando arreo para ser declarada Patrimonio da Humanidade.
Desde este Grupo Municipal consideramos que a discriminación ferroviaria á que o Goberno central está sometendo esta zona limita o desenvolvemento que levará aparellada esta distinción na potenciación da riqueza ambiental, paisaxística e turística da comarca.
Por todo isto, o Grupo Municipal do Partido Popular que suscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
- Esixir ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que non utilice a situación derivada da covid-19 como escusa para incidir na discriminación ferroviaria que padece a nosa Comunidade, en xeral, e en especial, a Zona Sur da provincia de Lugo.
- A tal efecto, demandar o restablecemento inmediato de todos os servizos de tren que foron suprimidos, nomeadamente, a restitución e mesmo ampliación de frecuencias entre Lugo-Monforte-Ourense e con outros puntos de España como Madrid e Barcelona, entre outros.
- Incrementar o cadro de persoal de maquinistas e dotar do persoal necesario os servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios.
- Retomar o compromiso adquirido polo Goberno de Mariano Rajoy, sendo ministro Íñigo de la Serna, para a modernización da liña entre Lugo e Ourense que achegue aos cidadáns da provincia as vantaxes da alta velocidade. A tal efecto, recuperar a programación de actuacións e o cronograma que deixou encamiñado o Goberno do Partido Popular para a modernización e redución dos tempos de viaxe, coa axilización da execución das variantes de Canaval e Oural e a electrificación e mellora das vías.