A raíz da posta en funcionamento da nova ponte de Paradai, os movementos do tráfico na contorna da rúa río Sil mudaron de forma radical, mesmo os movementos de entrada á cidade, asumindo esta nova ponte a maior parte do tráfico de entrada a Lugo dende a avenida de Adolfo Suárez. Convertindo o cruce das rúas Conde e Río Sil nun dos puntos negros da cidade.
Ante esta situación, o Partido Popular recibiu numerosas queixas dos veciños da contorna da rúa Río Sil, unha zona que rexistra un dos maiores índices de sinistralidade viaria do Concello de Lugo, pedindo unha solución a esta problemática.
Vese necesaria unha reorganización integral do tráfico, na que se deberían estudar diferentes posibilidades, comezando pola construción dunha glorieta entre a rúa Conde, Río Sil e o acceso dende a nova ponte, para garantir a integridade de vehículos e peóns e garantir a seguridade nese punto. Tamén se podería estudar, como segunda opción, a regulación semafórica ou outro tipo de regulación do tráfico que consideren oportuna os técnicos municipais.
Sería positivo estudar o cambio de sentido de circulación no treito da rúa Río Sil, comprendido entre as rúas Conde e Río Eo, ou, se se considera mellor opción, que se puxese de novo de dobre sentido de circulación para evitar que os vehículos que veñen desde a rúa Alexandre Bóveda se atopen de súpeto con que a rúa pola que circulan deixa de ser de dobre sentido de circulación.
Non se trata dunha gran inversión, senón de estudar a solución máis viable para desconxestionar o tráfico da rúa río Sil. Unha actuación semellante á que se fixo anos atrás, tras outra proposta do Grupo Municipal Popular, para poñer de dobre sentido de circulación a rúa Paradai de Arriba, coa que se acadou unha nova redistribución do tráfico que dotou a esta zona de máis seguridade e unha importante mellora na fluidez do mesmo.
Sería preciso que os servizos técnicos municipais realizasen un estudo pormenorizado desta contorna para buscar as mellores opcións para acadar unha mellora da seguridade viaria neste punto.
Por todo iso, o Grupo Municipal Popular que subscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
Que o Concello de Lugo inicie un estudo, e desenvolva as obras precisas para acadar as melloras solicitadas, para a reorganización integral do tráfico na contorna da rúa Río Sil.