O Grupo Municipal do Partido Popular lamenta a postura tomada polo bigoberno do Concello de Lugo, que optan por votar en contra de todas as proposicións presentadas polo PP, a pesar de que sexan boas para a cidadanía, como é o caso da proposta para conseguir unha cota cero de abstencionismo escolar.
Todos sabemos da importancia que a Educación ten no ser humano; por unha banda como proceso de madurez e superación individual, para poder acadar unha autonomía persoal e unha posición dentro da sociedade, sendo tamén case definitivo como un proceso de evolución social.
A educación é imprescindible no obxectivo de acadar a equidade social e para progresar económicamente. É por iso que debemos esforzarnos en conseguir que todos os individuos que forman parte dunha sociedade reciban polo menos unha educación básica, que permita mirar cara o futuro na procura do desenvolvemento social.
O Concello, como institución dinamizadora debe ser tamén responsable de facer seu o compromiso contra o absentismo, o abandono escolar e a non escolarización para tentar así acadar unha educación para todos os nosos menores no que se refire ao sistema educativo que comprende dos 6 ata os 16 anos, onde a asistencia á escola é obrigatoria.
Coñecemos o papel relevante da familia en todo o proceso educativo, nela transmítense os valores que van servir de motor de comportamento aos seus membros, incluído o valor da educación e todos aqueles que van influír no comportamento de relación social e de creación de hábitos responsables que favorezan o avance escolar dos seus fillos. Con todo tamén somos conscientes que cando o proceso educativo familiar non se produce ou o fai con problemas, os primeiros en detectalo son os centros escolares.
É por iso que consideramos de vital importancia a creación dunha comisión especial cuxa intención é facilitar a todos os centros que así o soliciten posibles liñas de actuación a seguir para poder detectar os problemas presentados en canto á asistencia a clase para poñer solucións dentro do ámbito escolar cando o absentismo exceda as posibilidades dos centros, coa maior rapidez posible. Para todo isto é necesario a creación dun protocolo municipal de absentismo escolar.
O absentismo é un feito no que interveñen múltiples factores, e para a súa erradicación precísase de medidas coordinadas polas distintas administracións competentes.
O Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, establece que unha das prioridades da consellería con competencias en materia de educación é “asegurar a permanencia do alumnado no sistema educativo durante, cando menos, as etapas obrigatorias” e que “esta actuación levarase a cabo directamente ou en colaboración con outras administracións ou entidades sen ánimo de lucro que realicen accións preventivas respecto do absentismo escolar”.
Esta Comisión tería un carácter de análise, apoio e seguimiento daqueles factores disfuncionais que se poden producir nos centros educativos e que favorecen o aumento do absentismo, ou a non resolución do mesmo, respetando, como non pode ser doutro xeito, a súa competencia e autonomía, sendo o Concello unha administración que axude a previr e abordar, de ser o caso, a petición do centro escolar, dando unha resposta áxil, eficaz e coordinada entre administracións.
Por todo iso, o Grupo Municipal Popular que subscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
1. Crear unha Comisión municipal de absentismo escolar para avaliar determinados factores que están influíndo na problemática absentista.
2. Elaborar un protocolo de absentimo escolar co ánimo de detectar os casos de absentismo, intervir nos mesmos e recuperar ao alumnado absentista.