O Grupo Municipal do Partido Popular conseguíu que se aprobase unha moción para que o Concello de Lugo apoie a proposta de declarar a Ofrenda ao Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural, pese ao intento do BNG de facer unha contraprogramación para desvirtuar unha tradición que conta con 350 anos de historia.
Lugo é a sede dunha ceremonia única que se celebra no mes de xuño coincidindo co Corpus Christi. Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios das capitais do Antigo Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que aqueles cumpren co voto solemne que fixeron en 1669, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.
Desde 1925 até os nosos días o rito da Ofrenda celébrase do mesmo xeito, nunha misa solemne na que participan por quendas rotatorias anuais os representantes municipais das sete cidades. Ademais, entre as tradicións litúrxicas, unha banda de gaiteiros interpreta a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia con gaitas en tres tonalidades e percusión.
Trátase dunha tradición ligada á Catedral de Lugo, un ben incluído singularmente na declaración dos Camiños de Santiago do Norte de España, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2015 polos seus extraordinarios valores artísticos, históricos e culturais, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento.
A tramitación, por parte da Xunta de Galicia, para declarar a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben inmaterial de Interese Cultural ten unha gran importancia e repercusión na promoción da nosa cidade xa que este recoñecememento como BIC suporía máis turismo así como a garantía de conservar esta tradición.
Co ánimo de salvagardar as tradicións da nosa cidade e promover a cooperación entre os cidades do antigo reino de Galicia solicitamos que o pleno do concello de Lugo adopte o seguinte acordo.
O pleno do Excmo. Concello de Lugo, mostra o seu apoio á proposta da Xunta para declarar como Ben de Interese Cultural Inmaterial a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia polo seu carácter sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma