O Grupo Popular acadou o apoio maioritario do pleno (coa única excepción da abstención do PSOE) para que o equipo de goberno socialista poña en funcionamento de inmediato o control horario no Concello de Lugo, unha medida que os populares defenderon ante o pleno despois de consensuar esta petición con todos os representantes dos traballadores municipais.
En 2018 cumpríronse dez anos da compra por case 40.000 euros, dun sistema para o control do horario do persoal municipal, que nunca se chegou a poñer en marcha a pesar dos sucesivos anuncios, entre eles, o do actual concelleiro de Persoal.
A instalación dun sistema de control horario non é só unha ferramenta dirixida ao cumprimento da xornada e horario dos empregados públicos, deber esixido no artigo 54.2 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, senón que debe enmarcarse dentro das melloras que permiten facer efectivo o dereito recoñecido no artigo 14. j) dese texto normativo, de conciliación da vida laboral e familiar, permitindo a flexibilidade no cumprimento do tempo de traballo.
Este sistema sobre a prestación do tempo de traballo, supoñería un importante impulso na mellora da calidade, e da forma de prestación de servizo ao cidadán, ao mesmo tempo permitiría un avance substancial nas condicións laborais dos traballadores e traballadoras dentro do principio de igualdade.
A preocupación pola posta en funcionamento do control horario é unha demanda dos representantes dos traballadores deste Concello, que quedou de manifesto na última xuntanza que mantivo o Grupo Municipal Popular con eles, no que adquirimos o compromiso de presentar neste Pleno unha Proposición para poñer en funcionamento, antes de que remate o ano, o sistema de control horario en todas as dependencias municipais.
Por todo iso, o Grupo Municipal Popular que subscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
Instar ao equipo de goberno, a que antes de que remate o ano 2018, se poña en funcionamento un sistema de control horario do persoal municipal en todas as dependencias.