O Grupo Municipal do Partido Popular acadou a unanimidade do pleno do Concello de Lugo para que o goberno local inicie os trámites necesarios para que a comarcalización do parque de bombeiros de Lugo sexa unha realidade e así poder dar cobertura e servizo aos concellos limítrofes.
Nos últimos anos Galicia ten feito un esforzo enorme para mellorar a atención das emerxencias. Pese a ser unha competencia exclusivamente local (dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais no caso dos de menos), a Xunta ten colaborado decisivamente para que os parques de bombeiros pasasen de 7 no ano 1999 aos 32 actuais. Ao mesmo tempo, ten defendido unha rede de Grupos de Emerxencia Supramunicipais que permiten unha cobertura destacada en todo o territorio.
Agora a Administración autonómica busca un chanzo máis. O camiño é a comarcalización dos parques das grandes cidades, aprobada no grupo de traballo pola mellora das emerxencias. No caso de Lugo permitiría dar unha cobertura adecuada a aqueles concellos que, pese a estar moi preto do noso parque, non poden beneficiarse del, pero tamén mellorar dun xeito moi destacado a cobertura no propio termo municipal onde está a sede.
A base sobre a que se asenta este razoamento é sinxela: se con motivo da comarcalización aumenta o número de bombeiros no parque de Lugo, aumenta tamén a cobertura na propia cidade se produce unha emerxencia.
Coa comarcalización e a coa creación de novos servizos en zonas de sombra, en toda Galicia pasaríase de cubrir o 65% do territorio en menos de 20 minutos a máis do 90%. E en canto a poboación, do 87% a máis do 95%.
Ese camiño xa foi aprobado e refrendado expresamente polos concellos de Ourense, Ferrol e Santiago de Compostela, co apoio das deputacións de Ourense e A Coruña. Falamos de administracións gobernadas por catro partidos diferentes, co cal se entenden os beneficios desta medida, que vai máis alá de siglas políticas.
Tamén o fixo a Deputación de Lugo, que en decembro votou a favor desta medida no seo do grupo de traballo pola mellora das emerxencias, do que forma parte, pero desde entón non hai novas sobre a posición ao respecto deste Concello.
Lugo non pode quedar atrás e precisa que o Concello aclare unha vez a súa postura sobre a comarcalización. Levamos meses esperando un pronunciamento nese sentido. O municipio precisa un mellor servizo que non só beneficiaría á capital senón aos concellos da contorna.
Se ten en conta que o cambio non suporía ningún custe para o Concello xa que o investimento a maiores sería asumido ao 50% pola Xunta de Galicia e a Deputación, resulta prioritario que esta Administración non deixe pasar unha oportunidade que xa souberon apreciar no que vai de ano tres das sete grandes cidades galegas e que repercutiría directamente no beneficio dos veciños de Lugo.
Por todo elo, o Grupo Municipal Popular que subscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE, instar ao Goberno Municipal a:
Que o Concello de Lugo acepte o proceso de comarcalización que permitirá un mellor servizo de bombeiros no municipio.