O GMPP acadou o apoio unánime dos grupos do pleno para impulsar, xunto coa Deputación, a construción dun novo pavillón deportivo multidisciplinar contando co apoio económico da Xunta e do Consello Superior de Deportes. Unha iniciativa na que tamén se reclama a creación dun regulamento para o uso destas instalacións.
O deporte promove o desenvolvemento e integración social, xera sentido de pertenencia, forma en valores e virtudes, axuda á convivencia, estimula o cerebro, eleva a autoestima, forxa a disciplina, reduce o estrés… Polo tanto, a práctica deportiva ten moitos beneficios para as persoas, tanto desde o punto de vista saudable como desde o punto de vista social.
No Concello de Lugo existe un importante tecido asociativo deportivo (clubes, asociacións e entidades deportivas…) que levan a cabo un importante traballo de fomento do deporte, sobre todo, do deporte base.
Neste senso, desde o Grupo Municipal Popular mantivemos unha xuntanza cos clubes deportivos e asociacións deportivas da Cidade de Lugo co obxectivo de escoitar as súas reivindicacións.
Unha das conclusións desta xuntanza é que a demanda de dotacións municipais non se axusta á oferta existente, polo que consideramos que é o momento de dar un paso adiante para dar resposta ás necesidades dos diferentes clubes deportivos da cidade.
Dende este punto de vista, desde o Grupo Municipal Popular estamos convencidos de que se queremos potenciar o deporte de base é preciso mellorar as dotacións deportivas e incorporar novos espazos de adestramento e competición, xa que neste momento hai clubes que teñen que alugar pistas, ou que se ven obrigados a compartir infraestruturas deportivas.
Polo tanto, consideramos necesario que o Concello de Lugo e a Excma. Deputación Provincial de Lugo se comprometan vía convenios, como o que se aprobou en novembro de 2017 para cambiar o céspede de dous campos de fútbol, para materializar estas novas infraestruturas.
Outro dos problemas expostos polos membros das Asociacións e Clubes deportivos e a necesidade da creación dun Regulamento de uso das instalacións deportivas para regular e clarificar os dereitos e obrigacións que teñen os usuarios das instalacións deportivas municipais.
Por todo elo, o Grupo Municipal Popular que subscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE, instar ao Goberno Municipal a
- Levar a cabo os trámites precisos para que o Concello de Lugo, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, doten ao municipio de novas instalacións deportivas como un novo polideportivo multidisciplinar.
- Que elabore un Regulamento de uso de instalacións deportivas municipais.