O Grupo Municipal do Partido Popular constatou a falta de transparencia de Lara Méndez no pleno ordinario celebrado esta mañá, xa que a alcaldesa votou en contra dunha proposición do Grupo Popular na que se esixe ao goberno local cumprir a lexislación vixente en materia de riscos laborais. Unha proposta que sí apoiaron Lugonovo e Ciudadanos, mentres que BNG e ACE-Eu optaron pola abstención.
A prevención de riscos laborais é unha obrigación legal que hai que cumprir, nese sentido o noso marco constitucional establece a saúde e seguridade no traballo como un dos principios reitores da política social e económica, sinalando no artigo 40.2 que “os poderes públicos… velarán pola seguridade e hixiene no traballo”. Este mandato constitucional foi desenvolvido posteriormente na Lei de Prevención de Riscos Laborais que establece con claridade a obrigación explícita de organizar e xestionar a prevención dos riscos laborais por parte de directivos e empresarios en todas as empresas, incluídas as administracións públicas. O incumprimento desta obrigación implica poñer en perigo a integridade dos traballadores, o cal pode ser obxecto de sanción administrativa, civil ou penal. As Administracións Públicas deben exercer un liderado social exemplar tamén en canto ao cumprimento da lexislación preventiva.
A prevención mellora o clima laboral e xera efectos positivos xa que é un factor crave para mellorar a produtividade das persoas e a calidade do traballo, especialmente se adopta unha nova perspectiva que, ademais de evitar accidentes, oriéntase ao coidado da saúde dos empregados. Está demostrado que alá onde se establecen boas condicións de traballo mellórase a produtividade e favorécese a implicación, a motivación e a creatividade.
A normativa de obrigado cumprimento en prevención de riscos laborais sinala que a prevención deberá integrarse no seu sistema xeral de xestión, comprendendo tanto o conxunto das actividades como todos os niveis xerárquicos, a través da implantación e aplicación dun “Plan de Prevención de Riscos Laborais”, que no caso do Concello de Lugo corresponde o cumprimento do mesmo á Alcaldesa como máxima responsable en materia de prevención de riscos laborais.
Por outra banda, a Lei de Prevención de Riscos Laborais esixe a creación dun Comité de Seguridade e Saúde que é o órgano paritario e colexiado de participación, destinado á consulta e periódica das actuacións en materia de prevención de riscos, o cal se reunirá trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións no mesmo, situación que non se está producindo nos últimos anos no Concello de Lugo, como así o testemuñan as actas das diferentes reunións. Desde o Grupo Municipal Popular entendemos que o equipo de goberno ante unha materia tan sensible como esta, debe dar conta no Pleno do grao de cumprimento do Plan de Prevención de Riscos Laborais así como das principais medidas que se adoptaron ao longo do ano.
Por todo elo, o Grupo Municipal Popular que subscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:
- Instar á Alcaldesa a convocar trimestralmente o Comité de Seguridade e Saúde conforme o establecido no artigo 38 da Lei 31/1995, de 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais.
- Instar á Alcaldesa a que na convocatoria do pleno ordinario do mes de decembro, se inclúa un punto na orde do día, que teña por obxecto dar conta por parte do equipo de goberno, das principais medidas adoptadas en materia de Prevención de Riscos Laborais durante o ano.